Curso de ilustración editorial no MAC da Coruña

O ilustrador e historietista Alejandro Viñuela Agra, 'Jano', imparte o curso no Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa, entre o 18 de outubro e o 29 de novembro.

Por GC Tendencias | Santiago de Compostela | 11/10/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Alejandro Viñuela Agra, coñecido no mundo da ilustración como Jano, impartirá un curso de ilustración editorial no Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa da Coruña, entre o 18 de outubro e o 29 de novembro.

Ilustración de Jano para o curso que imparte no MAC da Coruña
Ilustración de Jano para o curso que imparte no MAC da Coruña | Fonte: Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa.

A partir dun conto, unha canción ou unha columna de opinión realizarase un proxecto de ilustración que acompañe e complemente dun xeito claro e atractivo a peza de texto. Así, os alumnos adaptarán a imaxe ao formato e tamaño apropiados, estudarán as súas posibilidades narrativas e escollerán as técnicas e recursos que mellor se adapten ás necesidades expresivas.

O programa de contidos inclúe o estudo das principais figuras e influencias na ilustración moderna, antecedentes históricos e referentes contemporáneos. Diferentes tipos e usos da ilustración (cartelería, packaging, estampa…). O curso tamén se centrarrá en desenvolver as capacidades necesarias para a síntese e traducción das ideas á linguaxe gráfica, na adquisición de habilidades básicas para a construcción de imaxes, incluíndo a aprendizaxe do método, dende o boceto ata a arte final. Os alumnos, ademais, aprenderán sobre a teoría da cor, incuíndo os seus usos narrativos e efectos na percepción psicolóxica, e aprenderán o uso de ferramentas de infografía dixital, cunha introdución aos programas Photoshop, Illustrator e Manga Studio.

O traballo dividirase en distintas fases. A primeira, a lectura do texto que se empregará para elaborar a imaxe, ademais da análise para determinar as ideas principais que servirán como punto de partida. Logo, o brainstorming, coa sintetización das ideas principais do texto e a elaboración de tres bocetos, entre os que se escollerá o que máis se axuste e represente a esencia do escrito. Posteriormente chega a fase de elección da linguaxe apropiada para darlle forma, é dicir, técnica e estilo, establecendo unha relación entre o concepto da imaxe e o seu aspecto formal. Na seguinte fase iníciase a construción de recursos gráficos por medio de técnicas manuais, para o cal é necesario o estudo e aprendizaxe dos diferentes elementos que construen una ilustración, como tipos de liñas, fondo e figura, e cor e textura. Por ùltimo, chega a elaboración da imaxe final, é dicir, como presentar una ilustración para a súa reproducción, para o cal se teñen en conta aspectos técnicos, como mandar un arquivo á imprenta.

PERFIL DO ALUMNADO E DO PROFESOR

O curso está dirixido a calquer persoa creativa interesada na ilustración, con curiosidade por coñecer o proceso de traballo para representar ideas con imaxes, dende principiantes ata xente máis experimentada con interés por aprender novos camiños.

Hai 15 prazas dispoñibles e un formulario para facer a solicitude para este curso, que ten un custo de 60 euros para seis sesións cun total de 12 horas. As solicitudes poden presentarse até o 13 de outubro.

As clases serán impartidas por Alejandro Viñuela Agra, máis coñecido como Jano, ilustrador, historietista e deseñador gráfico, licenciado en Belas Artes pola facultade de Pontevedra.

Con máis de 15 anos de experiencia en diversas empresas e diferentes eidos, desde o deseño textil ata traballos de pre-impresión e reprografía, nos últimos anos a súa actividade profesional centrouse en encargos de ilustración para editoriais como Ir Indo, Alfabia, MTM ou entidades como a Fundación Barrié ou A Mesa.

“A ilustración ten que ser un reflexo do tempo que nos toca vivir, os profesionais debemos ser testemuñas dos acontecementos que suceden ao noso arredor e ser quen de representar o momento histórico en toda a súa dimensión, buscando a emoción do espectador", explica Jano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta