Un equipo vigués usa nanomateirais para achar contaminantes químicos nos alimentos

O proxecto do grupo de Química Coloidal da Universidade de Vigo ten como principal obxectivo o desenvolvemento dun sensor portátil que permita a detección “rápida e in situ” de microorganismos patóxenos e contaminantes químicos en mostras reais de alimentos.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 25/01/2017 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

grupo de Química Coloidal da Universidade de Vigo, dirixido polos docentes Jorge Pérez Juste, Isabel Pastoriza e Pablo Hervés, acaba de recibir unha axuda da Fundación Ramón Areces por importe de 120.000 euros para estudar o uso de nanomateriais na detección de contaminantes químicos nos alimentos. O proxecto, seleccionado entre 631 investigacións presentadas a nivel eststal, ten como principal obxectivo o desenvolvemento dun sensor portátil que permita a detección “rápida e in situ” de microorganismos patóxenos e contaminantes químicos en mostras reais de alimentos, informa a UVigo.

Integrantes do grupo de Quí­mica Coloidal da Universidade de Vigo
Integrantes do grupo de Quí­mica Coloidal da Universidade de Vigo | Fonte: UVigo.

“Trátase de crear novos métodos de detección de contaminantes, microorganismos e bacterias nos alimentos”, subliña o profesor Pérez Juste, que explica que esta foi a segunda vez que enviaron unha proposta ao Concurso Nacional de Axudas á Investigación que a Fundación Ramón Areces convoca bianualmente e coas que pretende contribuír a consolidar unha sólida estrutura científica e tecnolóxica en España.

“Naquel momento o traballo que presentamos acadara unha boa valoración, pero finalmente non fora seleccionado”, explica Juste, moi satisfeito con que este novo proxecto si fose tido en conta. “Con todas as dificultades que hai na actualidade para conseguir financiamento, a noticia de que elixiran o noso proxecto deunos unha grande alegría”, recalca Juste en declaracións recollidas por D. Besadío.

UN LABORATORIO NUN MICROCHIP

O proxecto seleccionado (SERSforSAFETY) levarase a cabo ao longo dos vindeiros tres anos e con el o equipo vigués pretende deseñar e desenvolver plataformas de diagnóstico miniaturizadas, o que en inglés acostuma denominarse ‘lab-on-a-chip’, baseadas na espectroscopía Raman aumentada en superficies para a posterior fabricación de dispositivos de análise en tempo real, sensibles, rápidos e portables que permitan a ultradetección de bacterias e diversos contaminantes químicos. “Trátase de crear un sensor de moi pequeno tamaño para, sobre o propio terreo, no campo ou onde fose, ser capaz de, cunha pequena cantidade, analizar a mostra in situ, sin necesidade de realizar amplificacións”, aclara Juste.

O traballo implica a fabricación de substratos nanoestruturados mediante diferentes procesos físicos e químicos que se engloban dentro do campo da Nanoquímica e a Ciencia dos Materiais. “Estes substratos son os que logo se empregarán como sensores de diferentes microrganismos patóxenos e contaminantes químicos”, recalca o docente, que explica que a espectroscopía Raman proporciona información vibracional do sistema, “é dicir, é como unha pegada dactilar da molécula que queremos identificar e, por tanto, moi específica”.

A investigación que se vai levar a cabo desde o grupo de Química Coloidal, un dos integrantes do Centro de Investigación Biomédica, Cinbio, é fundamentalmente investigación básica. “A idea é que se somos quen de desenvolver con éxito o proxecto, cun maior investimento podería xa desenvolverse un prototipo de uso profesional, pero iso é algo que xa non está ao noso alcance”, explica Juste, ao que engade que na actualidade non hai ningún produto similar no mercado baseado nestas tecnoloxías e que os principais destinatarios serían as industrias relacionadas coa alimentación, sobre todo, aquelas que se dedican a cuestións relacionadas con seguridade alimentaria, pero tamén empresas biotecnolóxicas e todas aquelas que teñan que ver co control de calidade.

A axuda da Fundación Ramón Areces permitirá a contratación dun estudante de doutoramento para que faga no grupo a súa tese de doutoramento. “Somos un grupo moi diverso, a maior parte somos químicos, pero tamén hai un biólogo molecular, que neste proxecto vai desenvolver un papel importante”, aclara o docente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta