Por Galicia Confidencial | Valga | 23/02/2017 | Actualizada ás 10:25
Traballar sábados e domingos, ameazas de despidos ou librar unha fin de semana ao mes son as condicións ás que se teñen que enfrontar os traballadores de Aluminios Cortizo. Unha situación que eles mesmos cualifican de “escravista”.
Así, en declaracións a Galicia Confidencial, un grupo de traballadores critica que algúns deles traballan días de máis, sábados e domingos “cobrando pouco máis”, e con só unha fin de semana libre ao mes. “Fannos traballar 7 días seguidos (56horas) en cada quenda sin descanso”, denuncian.
No departamento de Embalaxe din que se mudaron as quendas “ao antollo do encargado” facendo traballar a algúns traballadores ata 14 días sen descanso. “Tamén nos piden que fagamos horas incluso nos días libres, e sancións económicas ou horas gratis por chegar algo tarde ou traballar sin casco ou zapatos de seguridade”, suliñan.
“Traballo gratis” a fin de semana?
No departamento de Prensas soen parar algunhas quendas no fin de semana para limpar, e incluso durante dous fins de semana tiveron aos traballadores pintando para “poñer todo bonito para unha visita importante”. “Entendemos que eso non son necesidades de produción, senón que teñen a xente traballando practicamente gratis nos fins de semana”, indican en declaracións a GC.
Segundo critican son continuas, tamén, as ameazas e castigos, e incluso algún despido de vez en cando. Así, suliñan que despediron, por exemplo, a un matriceiro por negarse a facer horas. O obxectivo é “ter amedrentados ao resto dos traballadores”.
Críticas ao comité de empresa
No departamento de Anodizados din que non lles permiten o tempo de descanso se o traballo non está como queren os encargados. “Sofren castigos de horas gratis, cambianlles días da semana por sábados cando hai menos traballo, e cando hai máis fanlles, mesmo, dobrar quenda. Tamén teñen unha sección que estivo durante case dous anos a 4 quendas”, denuncian.
Sobre as horas extras din que non se pagan como tales, senón como produción, e moi por debaixo do seu valor real, “e ata hai moi pouco pagábanse en negro”. “Todo isto co total consentimento do comité de empresa, que firma todo o que a empresa lles manda e ás costas dos seus compañeiros”, aseguran. Por iso, din que é “unha total anomalía por parte de UXT e da empresa que se presente un só sindicato as eleccións, e que cando xurde un posible candidato acabe despedido”.