Por E.P. | Vigo | 27/02/2017 | Actualizada ás 11:05
Científicos do CSIC no Grupo de Inmunología e Xenómica do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo observaron que a resposta inflamatoria aguda e os seus mecanismos de transcrición ante LPS —un compoñente bacteriano que activa unha resposta inflamatoria importante— están correlacionados entre o peixe cebra e os mamíferos.
Con esta indagación, o CSIC dá un paso máis na liña de investigación que desenvolve en Galicia sobre o peixe cebra (Danio rerio) como modelo de estudo en determinadas enfermidades de peixes cultivados e de humanos.
A revista Scientific Reports, do Grupo Nature, publica os resultados do traballo de investigación que deu lugar a este achado e que se desenvolveu no marco dos proxectos 'Aquagenomics' e 'Trainedfish', financiados polo Ministerio de Economía.
"Coñecer as vías moleculares que regulan a resposta inflamatoria é esencial para avanzar no coñecemento dalgunhas enfermidades humanas", apuntaron Antonio Figueras Huerta e Beatriz Novoa García, responsables do estudo, que destacaron as "vantaxes" deste peixe, como o seu pequeno tamaño, o seu ciclo de vida rápido ou a facilitade de cría.
Debido á "similitude nos seus estímulos" realizada en laboratorio, os investigadores poden "afirmar que a resposta do peixe cebra a LPS e da os mamíferos está correlacionada". "Por tanto, confírmase que a resposta xenómica do peixe cebra pode reproducir o proceso inflamatorio dos mamíferos e aválase a nivel científico, deste xeito, o uso deste animal para o estudo de patoloxías inflamatorias en seres humanos", engadiron os investigadores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.