Por Galicia Confidencial | Vigo | 03/03/2017 | Actualizada ás 17:44
Achéganse unhas datas moi especiais para a cultura galega. Entre os meses de outubro de 2017 e marzo de 2018, o Pergamiño Vindel, documento orixinal das sete cantigas de amigo de Martín Codax, regresará a Vigo, a cidade que o inspirou hai oito séculos. A obra, que xunto ás sete cantigas de amor de Dom Dinis é a única mostra atopada ata o momento da canción profana galego-portuguesa, será o eixo central da exposición Berce da nosa cultura que terá lugar no Museo do Mar de Galicia en Vigo durante cinco meses, nos que en paralelo se desenvolverá un completo programa de actividades académicas, culturais e de divulgación da época e da obra do trobador.
O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, foron os encargados este mediodía de dar a coñecer os detalles do regreso do Pergamiño Vindel a Galicia, onde chegará procedente de Nova York, tras máis de corenta anos depositado no Morgan Library Museum, propietario da obra desde a década de 1970.
De “magnífica noticia para Galicia” cualificou o reitor o retorno a Vigo do pergamiño, “berce da nosa lingua, que amosa por onde e cando naceu unha parte importante da nosa identidade”, dixo Mato. Pola súa banda, Román Rodríguez, cualificou o día de hoxe “como brillante para a cultura galega”, ao tempo que manifestou a satisfacción da Xunta de Galicia por cooperar coa Universidade de Vigo para traer a Galicia “o que algúns consideran a acta fundacional da lingua galega”.
O documento orixinal das cantigas de Martín Codax exporase no Museo do Mar situado en Alcabre, nunha furna climatizada, deseñada expresamente para a ocasión, que se localizará nunha sala de 200m2, na que se realizará a obra necesaria para garantir a conservación e a seguridade do documento, garantindo ademais as óptimas condicións espaciais e lumínicas.
Ademais de acoller o Pergamiño Vindel o Museo do Mar disporá dun espazo especialmente acondicionado no que se desenvolverá a exposición Berce da nosa cultura, comisariada polo historiador Francisco Singul, con obras vencelladas ao documento, ao mar, aos trobadores galegos, a súa obra e a súa época.
Eventos académicos, musicais e de divulgación, especialmente dirixidos ao estudantado de ensino primario e secundario, conformarán o programa de actividades que se desenvolverán ao fío do regreso do Pergamiño a Vigo.
“Este é un proxecto aberto e inclusivo. É unha festa para Galicia e queremos que todos se impliquen”, asegurou o reitor, que confirmou que se buscará a complicidade de todos os axentes sociais e económicos de Galicia para participar nun evento que, segundo Román Rodríguez “marcará un fito na cultura galega”.
DOUS ANOS DE NEGOCIACIÓNS
Atrás quedan máis de dous anos de negociacións entre os responsables do Morgan Library Museum e a Universidade de Vigo, que fixo súa a suxestión da asociación cultural viguesa Pertenza para que o Pergamiño Vindel puidese ser exposto na cidade olívica, o que suporía algo que ata entón nunca ocorrera: a saída do pergamiño do museo do que é propiedade desde a década de 1970.
Ao longo do proceso de negociación, liderado polas vicerreitorías de Estudantes e de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, a institución académica atendeu as demandas do Morgan Library Museum, que estableceu como primeira condición para permitir a exhibición da obra fóra das súas instalacións que o préstamo se realizase a unha institución académica. A partir de aí, estableceu unha serie de esixencias loxísticas sobre o lugar de exposición do cancioneiro relativas tanto a medidas de seguridade como de contextualización da mostra. Unha vez que os responsables do Morgan Library Museum confirmaron a solvencia da Universidade de Vigo decidiron acceder ao préstamo do pergamiño.
Tras contactar co Concello de Vigo e recibir unha primeira resposta positiva para expor o pergamiño no Museo de Arte Contemporánea de Galicia, Marco, o reitor confirmou que se solicitou á administración local un compromiso formal que non chegou, polo que, tras agardar ata o último día posible, a Universidade tivo que buscar unha alternativa, que tras o visto e prace da Xunta e do Morgan Library Museum foi o Museo de Mar.
“Non temos constancia de cal foi a razón do Concello de Vigo para non responder á nosa solicitude dun compromiso formal para poder expoñer no Marco”, explicou o reitor, que incidiu en que a promoción da cultura, máis aló da comunidade universitaria, “é un leitmotiv para a Universidade de Vigo”, que desta volta co Pergamiño Vindel “contribuirá a converter Vigo na capital da cultura de Galicia e nunha referencia internacional”.
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, asegurou que “non hai mellor lugar que o Museo do Mar, un edificio fantástico, para poder gozar desta xoia da cultura galega”, e dunha exposición, de acceso gratuíto para a cidadanía, “que será un gran marco para avaliar un período histórico moi rico para Galicia, que nesa época estaba na vangarda europea da cultura coa tríada formada polo propio Martín Codax, Johan de Cangas e Meendinho”.
HISTORIA DO DOCUMENTO
Datado a finais do século XIII ou principios do XIV, o Pergamiño Vindel é o documento orixinal das sete cantigas de amigo de Martín Codax no que o trobador galego canta a Vigo e ao seu mar. A primeira columna do pergamiño contén cinco pentagramas, seis a segunda e a terceira e catro a cuarta. Ondas do mar do Vigo; Mandad’ei comigo ca ven meu amigo; Mia yrrmana fremosa treides comigo; Ay Deus se sab’ora meu amado; Quantas sabedes amar amigo e Ay ondas que eu vin veer, son as seis cantigas do pergamiño con notación musical, mentres que En o sagrad’e Vigo carece dela. A súa estrutura musical é sempre idéntica, formada por dúas frases musicais, a segunda derivada da primeira, e un retrouso que inclúe unha terceira frase, cuxo material melódico se relaciona en moitas ocasións coas anteriores.
Escrito por unha soa cara a catro columnas con 26, 24, 23 e 17 liñas respectivamente e cunha dimensión de 34 x 45 centímetros, nada de soubo da obra de Martín Codax durante séculos ata que en 1914 o comerciante madrileño de libros antigos Pedro Vindel atopouno na garda interior dun exemplar do século XIV, aínda que encadernado no XVIII, do libro De officiis de Cicerón. O diplomático e musicólogo Rafael Mitjana comprou o pergamiño con intención de estudar a súa música e despois da súa morte foi adquirido polo bibliófilo Otto Hass e posteriormente posto á venda en Londres, onde foi adquirido pola J. Pierpont Morgan Library, onde permanece desde o ano 1977 coa sinatura MSM.979, a disposición dos estudosos que desexen traballar con el.
O texto, no que o nome de Martín Codax aparece na parte superior, foi escrito en tinta negra e os pentagramas en vermello, mentres que as iniciais están ornamentadas en vermello e azul, informa o departamento de Comunicación da Universidade de Vigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.