Atopar oportunidades de negocio en Alemaña

Lufthansa, que vai estrear varias conexións dende Galicia, e a Cámara de Comercio organizan, unha xornada sobre oportunidades comerciais en Alemaña

Por GC Emprende | Santiago de Compostela | 27/03/2017 | Actualizada ás 11:42

Comparte esta noticia

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela organizará o vindeiro mércores, día 29, unha xornada empresarial sobre as oportunidades comerciais en Alemaña, en colaboración coa compañía aérea xermana Lufthansa, recentemente instalada no aeroporto de Lavacolla e que iniciará as súas primeiras rutas a Frankfurt a partir do 27 de marzo e a Múnic a partir do 9 de abril. 

Avións de Lufthansa nun aeroporto
Avións de Lufthansa nun aeroporto | Fonte: crtvg

A xornada, que se celebrará no salón Obradoiro do hotel NH Collection de Santiago (avda. Burgo das Nacións, s/n), será inaugurada ás 10:30 horas polo presidente da Cámara, Jesús Asorey; a concelleira de Desenvolvemento Económico, Marta Lois; o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Juan Cividanes; e o director xeral de Lufthansa Group para España e Portugal, Carsten Hoffmann. Está prevista a asistencia de 75 empresas de sectores diversos como o sector servizos, metal, industria alimentaria, planta ornamental, artes gráficas, artes plásticas, tradución, téxtil, biotecnoloxía, vitivinícola, turismo, transportes e comunicacións e minería.

O obxecto da xornada é mostrar ás pemes galegas as posibilidades de negocio e analizar os sectores de interese no mercado alemán. De forma global, o encontro permitirá ás empresas asistentes adquirir nova información para reforzar as súas exportacións e facilitar o acceso ao comercio alemán. Ata as 14:30 horas sucederanse diversos relatorios que evidenciarán a realidade e oportunidades de negocio no mercado alemán. O director xeral de Lufthansa, Carsten Hoffmann, presentará a xornada e ofrecerá un relatorio sobre “As claves de Lufthansa e a internacionalización”.

Pola súa banda, o director xeral da Cámara de Comercio Alemá para España, Walther von Plettenberg, dará un relatorio sobre as “Relacións comerciais entre España e Alemaña: sectores de oportunidade comercial e de investimento”. A continuación, celebrarase unha conferencia maxistral sobre “Canles de comercialización e procura de axentes comerciais en Alemaña”, que impartirá a socia consultora de International Team Consulting (ITC) Cristina Danón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta