Aluminios Cortizo quere facerse cun hangar no aeroporto de Santiago para o seu avión executivo

A empresa, cuxos traballadores denunciaron situacións “escravistas”, é de momento a única que fixo oferta por este espazo que xestiona Aena.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 31/03/2017 | Actualizada ás 12:23

Comparte esta noticia

Aluminios Cortizo quere dar acubillo nun hangar que aluga Aena ao avión executivo que a empresa ten baseado no aeroporto de Santiago de Compostela. O xestor aeroportuario sacou a licitación o aluguer dun hangar de 857 metros cadrados por un prezo de 6.766 euros mensuais, a razón de 7,89 euros por metro cadrado, segundo informa o diario Aeronoticiario SCQ.

Hangar no aeroporto de Santiago de Compostela
Hangar no aeroporto de Santiago de Compostela | Fonte: Aeronoticiario SCQ.

Aena establece que o aluguer do hangar será durante sete anos non prorrogables e que comezarán a contar desde a posta a disposición do arrendado mediante o Acta de Entrega. Agora ábrese un período de 15 días para que as empresas que o desexen presenten unha oferta económica formal para o aluguer deste hangar. No caso de que houbese outra oferta distinta á de Aluminios Cortizo S.A, iniciaríase un procedemento por concorrencia.

O hangar que se sacou a licitación non é de nova construción; no pasado xa foi ocupado polas dependencias da empresa de loxística DHL para tratamento de carga aérea. Tras deixalo, agora Aena remodelará o seu interior e exteriores para adaptalo ao albergue e mantemento de aeronaves.

Un dos traballos pendentes que o xestor aeroportuario debe realizar é levar a plataforma de estacionamento de aeronaves ata a base do hangar, algo que actualmente está separado por apenas unha decena de metros.

Anexo a este hangar atópase tamén unha vella plataforma utilizada anteriormente para estacionar nela elementos sen uso como xardineiras, cintas de equipaxes, etc. Uns materiais que xa foron trasladados de localización e liberouse a zona para proceder a dotala de novos usos o máis axiña posible, informa Aeronoticiario SCQ.

CONFLITO EN CORTIZO

Hai que lembrar que a empresa Cortizo vive momentos de tensión polas denuncias de varios traballadores polas situacións “escravistas” na empresa, segundo explicaron a GC.

Os empregados critica que algúns deles traballan días de máis, sábados e domingos “cobrando pouco máis”, e con só unha fin de semana libre ao mes. “Fannos traballar 7 días seguidos (56horas) en cada quenda sen descanso”, denunciaron.

O responsable comarcal de Industria da CIG confirmou a GC esas denuncias sobre precariedade laboral dos traballadores do Grupo Cortizo e explicou que a principal responsabilidade é dos encargados, que teñen atemorizados aos traballadores. Tamén acusa ao Comité de Empresa de UXT por permitir e tentar ocultar esta situación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta