Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/04/2017 | Actualizada ás 12:34
Antón Barreiro, investigador de Bioloxía Funcional da Universidade de Santiago de Compostela (USC) conseguiu xa máis da metade do orzamento da campaña no portal Precipita da FECYT, a falla dun mes exacto para rematar a recadación de fondos para o seu proxecto de busca de fármacos para a rexeneración axonal tras unha lesión medular, informa a USC.
Barreiro trata de buscarlle unha solución ás 35.000 persoas que sofren en España unha enfermidade que na maior parte das veces é causada por accidentes de tráfico e que produce un dano irreparable para o que non hai un tratamento que facilite a súa recuperación funcional.
Pero para completar a libraría de fármacos que precisan para traballar nos vindeiros anos aínda lle faltan pouco máis de 4.000 euros, unha cantidade que deberá cubrir nos 30 días que restan para o final da campaña. “Pensamos que si conseguiremos o nivel que nos marcamos como óptimo, os 10.000 euros, e oxalá o superemos, porque así nos garantimos un maior índice de éxito da nosa investigación”, explica Barreiro, que quere agradecer a colaboración dos preto de cen doantes individuais que xa depositaron a confianza na campaña.
O equipo que co dirixen Antón Barreiro e María Celina Rodicio traballa con modelos de lesión medular en peixes, entre eles o cebra, un animal do que se poden obter centos de larvas cada día no laboratorio, “facilitando así a proba dunha gran cantidade de fármacos”, e que ao ser transparente “ permite ver con máis facilidade se a neurona de estudo rexenerou ou non os seus axóns tras a lesión e despois do tratamento cun fármaco determinado”.
“Se conseguimos atopar un fármaco que promova a rexeneración axonal no peixe cebra, no futuro tentaremos trasladar estes resultados á recuperación dos pacientes con dano medular”, explica Barreiro. Para iso, marcáranse un obxectivo mínimo de financiamento de 2.000 euros, xa superado, cos que poderán mercar os anticorpos necesarios para visualizar a neurona de estudo e unha libraría de 90 fármacos para validar o seu modelo. De alcanzar o nivel óptimo, os 10.000 euros, esa libraría sería de 1.230 fármacos, “o que aumentaría notablemente as nosas posibilidades”, afirma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.