Por E.P. | Santiago de Compostela | 03/04/2017 | Actualizada ás 19:08
A vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, anunciou este luns que Galicia recibirá 247 millóns de euros "adicionais" ás transferencias do sistema de financiamento para custear os seus servizos públicos. Díxoo tras manter unha reunión por espazo de case dúas horas co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, un encontro na capital galega ao que tamén asistiron o vicepresidente autonómico, Alfonso Rueda, e o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva.
Na súa comparecencia posterior, a mandataria enmarcou estas "boas novas" para Galicia no incremento dos recursos que o Estado vai transferir ás comunidades para financiar a sanidade, educación e servizos públicos.
E aínda que non quixo desvelar as contías que se destinarán a investimentos na nosa autonomía, co argumento de que os Orzamentos Xerais do Estado se darán a coñecer o martes, o que si aseverou é que permitirán cumprir o último prazo comprometido para a chegada do AVE.
SEN MÁIS ATRASOS
Estas palabras chegan apenas catro días despois de que o presidente galego anticipase unha caída dos fondos de Fomento en Galicia, porque España debe reducir o gasto, pero de que tamén deixase claro que non aceptará novos atrasos na chegada do AVE.
"Entendemos o bloqueo institucional de 2016 (...) pero non podemos, en ningún caso, entender ningunha data posterior ao terceiro trimestre de 2019", verbalizou, para requirir unha partida "ostensiblemente superior á executada en 2016" ou estará "en risco" o calendario acordado.
CATEDRAL E XACOBEO 2021
Outro asunto que abordaron ambos os mandatarios é a restauración da Catedral e a preparación do próximo Ano Santo, en 2021.
"É un bo momento para empezar", xulgou a vicepresidenta, para quen "a catro anos vista" poderase deseñar un Xacobeo con "algunhas formulacións novas". Ademais, avanzou que expuxo a Feijóo dar voz ao conxunto das comunidades polas que discorre o Camiño.
En canto ao templo compostelán, remarcou o "compromiso" do Goberno coas súas "necesidades", que se irán analizando nestes anos.
Ao fío diso, antes de ser recibida na Praza do Obradoiro polo arcebispo para supervisar as obras na Catedral, foi preguntada sobre a ausencia do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, na súa visita, a pesar de que este solicitou acompañala. Respecto diso, limitouse a aseverar que o seu departamento está "a disposición" do rexedor para abordar calquera asunto do "seu interese".
REUNIÓN "INTENSA E FRUTÍFERA"
Na primeira reunión institucional desde a formación do goberno tanto en Galicia como en España, Feijóo e Sáenz de Santamaría coincidiron en cualificala como "intensa e frutífera".
Serviu para repasar, como detallaron ambos, os acordos alcanzados na Conferencia de Presidentes relativos ao financiamento autonómico, os pactos educativo e contra a violencia machista, o 'brexit' e o reto demográfico.
"En pouco máis de dous meses, todos os asuntos están enfocados", aplaudiu Feijóo, en alusión aos contactos para falar de educación e violencia de xénero, á designación dunha galega como comisionada para a revitalización demográfica e á constitución dun grupo de expertos para falar do financiamento das comunidades.
Centrado no financiamento, o dirixente autonómico deu conta de que reiterou ante a vicepresidenta que Galicia "non quere ser máis que ninguén, pero tampouco menos" e que se debe ter en conta o custo real de prestación dos servizos en cada territorio.
Finalmente, comprometeu que Galicia seguirá "traballando" co Goberno desde a "lealdade" e a "cooperación", un xesto que agradeceu o 'número dous' de Mariano Rajoy.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.