Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 08/04/2010
É a súa forma de protestar polo cesamento na prestación nocturna de urxencias do seu centro de saúde e ao mesmo tempo de agradecer que poidan acudir ao centro de saúde de Tui.
Os graves problemas do querido Portugal e a súa falta de autoestima serían merecentes doutro artigo. Neste vou falar do alcalde de Tui, pertencente ao Partido Popular e da problemática sanitaria que nos ocupa.
Antonio Feliciano Rocha, o noso alcalde, era xa famoso antes deste asunto, entre outras cousas por ocupar un posto destacado no ranking de alcaldes máis corruptos de España, segundo un medio de ámbito estatal; por agredir a un veciño que o acusaba de que só el pode construír en Tui, algo que todo o mundo sabe que é certo; e por estar imputado por prevaricación, suborno (cohecho), tráfico de influencias, delictos contra a ordenación do territorio e sobre o patrimonio histórico.
O señor Rocha, que segundo Mariano Rajoy, é o mellor alcalde da historia de Tui, dixo en relación ás necesidades sanitarias dos nosos veciños o seguinte: “si no tienen solución a sus problemas, pueden venir a Tui donde serán bien recibidos”. Un bo exemplo de populismo e demagoxia propio de calquera república bananeira.
Cómpre deixar clarísimo que calquera cidadán da UE ten dereito a atención sanitaria en calquera dos estados membros da Unión, é así simplemente porque hai acordos a nivel europeo, que obrigan a atender aos pacientes doutro Estado membro da UE, e non porque o diga o alcalde Rocha, que afortunadamente non ten competencias no ámbito sanitario.
Porén, todos podemos estar de acordo en que a sanidade sexa accesible a todos os cidadáns da UE, e máis desde unha perspectiva fondamente europeísta como a miña, pero se non existe unha harmonización das políticas de todos os estados podemos atoparnos con situacións coma esta, dun “efecto chamada” que xenera problemas a ambas beiras do Miño. Ademais non é ao alcalde ao que lle corresponde dicir nada sobre isto e si preocuparse de que o servizo que reciben os seus administrados manteña ou eleve a súa calidade, cousa que nunca lle preocupou e da que nunca falara.
Do que non se ocupa o alcalde é, coma sempre, das funcións que lle atinxen como alcalde, máis preocupado como está dos seus negocios urbanísticos, de manter paralizado o PXOM por intereses persoais e de facer populismo barato, que de comezar a pedirlle ao Sergas que aumente a dotación do Centro de Saúde da nosa cidade para que non se vexa desbordado.
Se facemos caso do que di Carlos Natal, voceiro dos cidadáns portugueses afectados, a media de persoas que en Valença demandaban este servizo é de 16,4 por noite. Os que posúan a Carta Sanitaria Europea (todos poden solicitala) non terán que pagar os 8,70 € por visita que lles cobran en Monção (que está a 20 quilómetros), polo que non sería de estrañar que se producise un efecto chamada cun radio de acción superior ao de Valença. Segundo Natal “Tui é melhor, é mais barato e esta mais perto, basta com apresentar o cartão europeu de saude”. Os tudenses temos dereito a preguntar se a calidade e a axilidade do servizo de urxencias vai empeorar.
Isto ao alcalde non lle preocupa porque xa dixo unha vez publicamente que non coñecía o Centro de Saúde de Tui, que nunca precisara acudir a el e que polo tanto nunca o visitara. É seguramente por iso que descoñece o lamentable estado no que se encontra, a escasa dotación de persoal que ten e que leva pendente cinco anos dun novo solar para a construción dun novo ambulatorio que finalmente se fará na lameira, que o Partido Popular bautizou, hai quince anos xa, como aparcamento municipal.
Onde imos aparcar despois é outro problema sobre o que o señor Rocha tampouco aclara nada, e xa hai quen di que ten un gran baixo comercial próximo e que non sabe que facer con el e ao mellor está pensando en deixarnos estacionar nel por un módico prezo.