Por Xesús Veiga | Santiago | 09/04/2010
Qué medidas adoptarían os principais accionistas desa entidade con Mariano Rajoy?Permitirían a súa continuidade ou chegarían, sen demora, a un despido pactado?
Os dirixentes do PP son declarados apoloxetas da iniciativa privada e consideran, habitualmente, que a xestión empresarial acada uns niveis de eficiencia superiores aos que se rexistran no labor dos administradores públicos que non pertencen ao seu partido.Poren, cando se trata de aplicar esa lóxica a situacións como as que se derivan do caso “Gürtel”, todo é distinto.Luis Bárcenas e Pablo Crespo son dous xestores magníficos que nunca orixinaron problemas e que son inocentes mentres non sexan condenados en firme polas instancias xudiciais correspondentes.
Vicios privados, virtudes públicas.Predicar coa boca grande a superioridade do privado sobre o público e recoñecer coa boca pequena que non se pode despedir ao tesoureiro porque sabe demasiado e pode arruinar a carreira política do gran líder.
Nos últimos anos, o PP sempre receita mais dureza penal –cadea perpetua incluída- ante cada episodio de violencia.Quere alimentar a sensación de medo e inseguridade que favorece a consolidación e o medre do seu electorado.A presunta coherencia dos dirixentes de Genova desaparece cando se trata dos delitos asociados á corrupción política.Nestes casos, collen a pancarta do garantismo e son os maiores detractores das prácticas de investigación da policía e da fiscalía.
Se nas vindeiras eleccións xerais, Mariano Rajoy chega á Moncloa sen pagar ningún prezo polas amizades perigosas de “Gürtel”, Matas e demais familia, haberá que pensar que o mal de moitos é unha epidemia.Nese suposto, o electorado do PP demostraría unha grave carencia de sensibilidade ante as prácticas de roubo dos recursos públicos realizadas por algúns dos seus representantes e certificaría a presenza dunha ampla corrupción moral no seo do corpo social.