O CIGAT lanza unha tecnoloxía innovadora para o tratamento de augas residuais industriais

É a primeira tecnoloxía que comercializa o Centro de Innovación Galego de Sistemas Avanzados de Tratamento de Auga.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/06/2017 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

O Centro de Innovación Galego de Sistemas Avanzados de Tratamento de Auga (CIGAT) vén de poñer no mercado unha tecnoloxía innovadora para o tratamento de augas residuais de industrias especiais. A súa primeira referencia será na multinacional farmacéutica SANOFI, no que supón a primeira chegada ao mercado dunha tecnoloxía desenvolvida no marco desta Unidade Mixta, que xa está sendo ofertada a clientes industriais a nivel estatal e internacional.

Laboratorio do Centro de Innovación Galego de Sistemas Avanzados de Tratamento de Auga (CIGAT).
Laboratorio do Centro de Innovación Galego de Sistemas Avanzados de Tratamento de Auga (CIGAT).

Esta tecnoloxía, patentada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), desenvolvida con Cetaqua Galicia e licenciada ao grupo SUEZ, está deseñada para o tratamento en orixe, antes de mesturarse coas augas residuais domésticas, de augas residuais industriais que conteñen determinados contaminantes, chamados emerxentes, cun potencial impacto negativo sobre a saúde e o medio ambiente, como augas hospitalarias e industriais procedentes dos sectores químico e farmacéutico.

Estas substancias poden causar problemas nos sistemas de depuración convencionais, xa que non están deseñados a tales efectos, polo que o tratamento en orixe resulta máis eficiente en termos económicos e ambientais, evitando deste xeito maiores investimentos nas depuradoras que existen actualmente. 

Formado pola empresa Viaqua e o centro tecnolóxico Cetaqua Galicia, CIGAT é unha unidade mixta no ámbito da auga e medioambiente constituída co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN). O principal obxectivo da CIGAT é reducir a contaminación das augas e protexer e explotar sustentablemente os recursos hídricos galegos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta