Por Xurxo Ayán | Santiago | 26/07/2010
Unha brigada militarizada ao máis puro xeito chinés cadrábase en posición de firmes a rentes da tumba do Prócer da Patria. Este novo chanzo na Arqueoloxía bolivariana enténdese perfectamente se analisamos o contexto no que se move a Venezuela de hoxendía e máis concretamente se nos fixamos no devalar ideolóxico do chavismo.
Wajari Velasques é un xove arqueólogo galaico-venezolano becado pola AECID que está a traballar en Galicia no Laboratorio de Patrimonio do CSIC. Afirma con retranca que os únicos galegos chavistas en Venezuela son o seu avó e mailo “gallego Farruco”. Grazas a el coñecemos de primeira man o papel que xoga a Arqueoloxía no socialismo bolivariano. Así pois, xa no ano 2006 se desenvolvera un proxecto de investigación universitario destinado a coñecer mellor a vida cotiá a comezos do século XIX mediante o estudo de monumentos e artefactos vencellados coa vida de Simón Bolívar. Estes traballos conlevaron a escavación dun ingenio de Bolívar en San Mateo no estado Aragua contando cunha cobertura mediática e un apoio institucional sen precedentes. O proxecto culminou cunha exposición de obrigada visita titulada En los tiempos de Bolívar. Non fai falla lembrar o papel de icono da Revolución chavista deste heroe da Independencia, unha actitude que herda a mitoloxía creada pola burguesía criolla decimonónica e espallada polo sistema educativo no século XX para dotar de identidade nacional ás masas de inmigrantes. Todos os galegos e galegas que coñezo –e son bastantes- que estiveran ou están emigrados en Venezuela coñecen perfectamente toda a historia oficial de Venezuela, enumerando un por un aos Próceres da Patria. Moi boa é a anécdota dun canteiro de Cuntis ao que encargaron nos 60 a rehabilitación da estatua de Bolívar. Enfrentado cos técnicos de Cultura chegou a insinuar que estaría ben aproveitar a ocasión e poñerlle unhas bragas, tras acusar ao heroe de ter traizoado o seu xuramento de lealdade a España. Todo un fenómeno este canteiro cunteno, o mesmo que marchou a América en avión co seu kit profesional de picachón, grillos, piqueta, cicel, martelos... De Arxentina a Brasil até que chegou a Venezuela coas mans baleiras; os marcadores de identidade do seu oficio foran quedando por toda Sudámerica.
Hoxendía os Próceres da Patria son uns bonecos de considerable éxito no mundo do xoguete infantil venezolano, algo así coma uns Madelman para patriotas en formación. Neste ambiente bolivariano é obvio que proxectos arqueolóxicos como o antedito obedecen a outros intereses non tan científicos. Dunha banda, o socialismo bolivariano denuncia o uso político do pasado condenando o día da Hispanidade, o día da Raza, pero por outra banda, fai o mesmo e o sustitúe polo Día da Resistencia Indíxena. O sistema chavista artéllase combinando a reivindicación indixenista e rediseñando o papel dos militares. Este remix leva á unha práctica nacionalista que tamén se contradice co internacionalismo predicado pola Revolución bolivariana. Isto explica cousas como a escalada de tensión coa veciña Colombia, a militarización da vida cotiá e a manipulación política do pasado baseada nunha mitificación de referentes como Simón Bolívar, un personaxe que, paradoxalmente, creu na Gran Colombia até a súa morte en 1830. O desbaralle chavista xa foi desmantelado por bos e serios historiadores especializados no primeiro terzo do século XIX e nos procesos de emancipación das colonias españolas en Sudamérica. A imposibilidade de manter esa ficción historiográfica levou ao chavismo a procurar na Antropoloxía (indixenismo) e na Arqueoloxía histórica (emancipación) unha alternativa para a popularización desas ideas. Xa sabemos que os obxectos teñen unha vantaxe: non falan. A escavación do ingenio de Bolívar promocionada polo Ministerio de Cultura e o Instituto de Patrimonio Cultural tiña como obxectivo fundamental demostrar unha tese querida polo supremo líder: Simón Bolívar era descendente de “negros” ou “indíxenas”. Esta tese oficialista bebe directamente da crenza popular que afirma que a nai de Bolívar era unha matrona escrava negra nunha plantación colonial de cacao.
Hai xa uns dez anos topamos coa figura de Bolívar ao deseñar o Plano Director para a posta en valor do castro de Elviña n’A Coruña. A súa familia materna posuía o pazo de Penarredonda onde pasou a lúa de mel o Libertador en xuño de 1802 antes de retornar a Venezuela dende o porto coruñés. Comenta Xurxo Martínez Crespo que a Academia da Historia de Venezuela e a Sociedade Bolivariana de Caracas realizaran xestións, ditaran informes, pero todo ficou daquela en boas intencións, pois xa no ano de 1982, a realidade era que do pazo de Penarredonda, en Elviña, non ficaba mais que o solar. Con todo, ergueuse ese coñecido monumento pacovazquiano coa lenda: “El ayuntamiento de La Coruña erigió este monumento a Simón Bolívar con la colaboración de la Hermandad Gallega de Venezuela. La Coruña- 11 de junio de 1982”. Todos coñecemos a querencia do Embaixador polos grandes homes (Bolívar, Moore) aos que quere emular modestamente. Non sei que pensarán os de Elviña cando se enteren de que Bolívar, finalmente, era un mouro dos que habitaban o castro, negro coma o pez. Agora Chaves troca de teima e dálle a nacida de crer que Bolívar foi asasinado con arsénico, casualmente, en Colombia. E alí vai a Arqueoloxía venezolana, acompañada pola Arqueoloxía forense española, a lexitimar outro despropósito. Seica a piques de morrer, o Libertador, bastante desenganado cos seus libertados, guindou a posteridade un consello que non se lle debería escapar a Hugo Chávez: servir a unha Revolución é como arar no mar.