O Día da Patria

“Eu daquela quería participar en todas as revolucións do mundo. Por min marchaba con bo gusto a loitar cos sandinistas a Nicaragüa, contra o Somoza dos collóns.

Por Xurxo Ayán | A Lanzada, Sanxenxo | 07/09/2010

Comparte esta noticia

Iso da guerrilla quedárame gravado na memoria dende neno coas historias do Piloto e dos maquis de Chavaga. Agora non, dáme pólo cú o que pase por aí adiante, as inxustizas e o que veña dado. Eu só quero ter a adega inzada de xamóns, mandarme un taquiño, beber bo viño e erguerme cedo para ir coidar a viña a Vilachá. Cousas de vellos. Pero daquela, o carallo. O meu pai escoitara de sempre a Pirenaica e rabexaba cos curas e co Franco. Cando chegaron as primeiras votacións na casa o pai e máis eu fomos dos primeiros en meternos no Sindicato e no Partido. Eramos labregos músicos, folkis lles chaman agora creo, manda carallo. Nesta mesa estiveron máis dunha vez os de Fuxan os Ventos, recollendo vellas cantigas do bico de papá: Dóbrate corpo delgado..., esta noite hai unha rúa, esta noite hai espadela, bótame caldo mi madre que eu tamén hei de ir a ela... Aínda eramos uns cantos, acérrimos. Moitas fixemos. Como aquela vez no Festival do Castro en Pantón que se deran ostias como rodaballos cuns fachas fachendosos. O mellor era o día de marchar a Compostela, o día da Patria. Fun a todos do 77 en diante. Levantabámonos cediño e ïamos o Xeneize e eu en bicibleta pola serra até Monforte, cun capón guisado nunha tarteira, recén saído do forno. Unha marabilla. Unha vez nin chegou alá. O arrecendo puido con nós e papámolo sentados nun penedo ollando para Cerasia, alá no fondo, agardando pola liberación nacional. En Monforte apañamos o ómnibus, un vello coche de línea retirado da ruta ás augas do Incio. Galicia será pequena, pero aquela viaxe amosaba o grande do país, parecía como ir a Barcelona, xa só baixar ao Miño e subir cara á Chantada xa che era unha odisea. Na viaxe en bus no día da Patria, recordo sempre ao vello de Ousende, que nas curvas de Belesar trousaba sempre na boina, abría a fiestra e alá iba a boina polos pataos abaixo. Unha vez lle comentei con sorna: Así saeche o negocio mal, se cada ano tiras unha pucha! E constetoume, non teñas medo que sempre traio a máis vella. Carallo para o vello!

En Santiago sempre forzabamos coa policía pero nunca fun tan tonto de levar tralla. Unha vez entramos na catedral e lle puxemos unhas pegatinas a uns cantos santos, estrando os pasquíns nunha capela izada de beatas a rezar. Despois da manifestación ibamos alá a unha carballeira que non recordo como se chama, vaia borracheira colliamos alá, mi madriña. E rapazas habíache unhas cantas.

Agora xa é todo diferente. Estes do Bloque ata falan raro, dicindo i en vez de e. Hai que foderse. Semellan tan lambóns coma os outros. Unha vez presentáranme no bar a Camilo Nogueira; fixérame gracia porque tomaba o café pousadiño no pratiño, collendo moi cerimonioso o púcaro con dúas dedas e estirando o dedo meñique, coma un gentleman. Vaiche boa. Pero daquelas... Fora moi sonada un día da Patria cando á volta, zufrados, acabamos na festa do Santiago en Castroncelos. Antes da verbena, na panceta, había uns cantos militares que viñeran a pagar os lumes. E deunos por queimar unha bandeira española e bourear aquilo de Se eu son fillo de España, eu son un fillo de puta. Acabamos no cuartelillo todos. E aínda así seguiamos co choteo. O comdannate do posto pediume os datos e díxenlle que era de Cereixa. Fitoume e dixo, será Cereija. Non, se o queres poñer en español poña Cereza. Encima de nacionalista, traductor, déjese de cachondeos que esto leva a salir caro. Ao final intercedeu o alcalde, o médico, que era Deputado de Alianza Popular, e a nosa veciña que xa me librara dunha boa cando escapei da mili en Ferrol para a voda dos teus pais no 73. No banquete, apareceron dous solados e un mando a prenderme. Gracias a ela, quedeu até a noite,e a madriña da voda levoume no Jaguar a Ferrol. Ao verme entrar no cuartel en semellante haiga, parece que colleron medo e de calabozo nada; aínda por riba me deron dous días de permiso, por se acaso. Eran outros tempos.. Despois duns anos deixei a nación polo pulpo. Preferín a feira do 25 na Pobra de Brollón. Aqueles que defendían o fogar de Breogán ao final son igual de mangantes, e o único que defenden é o seu fogar, mamando do resto. Se Castelao erguese a cabeza de seguro que faría algunha viñeta desas, con Francisco Rodríguez trousando na pucha de Beiras, no día da Patria”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA