Voluntarios de todo o mundo erradicarán as especies invasoras das Fragas do Mandeo

Tentarán recuperar o bosque de ribeira no espazo natural protexido Betanzos-Mandeo e loitar contra a crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora) e a tradescantia (Tradescantia fluminensis).

Por Galicia Confidencial | Coirós | 02/08/2017 | Actualizada ás 10:41

Comparte esta noticia

Devolverlle a importancia a unha fraga histórica. Ese é o obxectivo do II Campo de Traballo Internacional Monte da Espenuca que trae o próximo día 1 de agosto a Teixeiro, en Coirós, a voluntarios procedentes de distintos lugares do planeta que durante doce días traballarán para erradicar as especies exóticas invasoras que deterioran o bosque da ribeira.

Fraga da Espenuca que recupera a Fundación Fragas do Mandeo
Fraga da Espenuca que recupera a Fundación Fragas do Mandeo

 

Os 15 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos proveñen de toda España (Andalucía, Cataluña, Extremadura e Valencia), pero entre eles tamén se contan voluntarios procedentes de México, Francia e Italia. Actuarán no rego das Bouzas, un afluente do río Mandeo que desemboca no lugar de Chelo. Nas súas beiras medran dúas especies moi invasoras. A crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora) é unha flor usada en xardinería procedente do cruce de dúas especies surafricanas. A tradescantia (Tradescantia fluminensis), tamén coñecida como “amor de hombre”, é unha planta tapizante orixinaria de Sudamérica.

 

Os voluntarios terán que desenterrar os tubérculos da crocosmia con coidado de non deixar ningún. No caso da tradescantia, bastará con que arrinquen os seus talos, pero sen deixar ningún anaco, pois prenden con extrema facilidade.

 

Tal e como explican desde a Fundación Fragas do Mandeo, a importancia de erradicar estes focos de invasoras baséase en que as enchentes invernais arrastran plantas que logo prenden nas beiras do río Mandeo, dentro do espazo natural protexido. Coa súa erradicación impedirán que estas especies despracen a vexetación de ribeira e que empobrezan a calidade do hábitat para os animais e plantas que habitan no bosque ripario. Adicionalmente, colaborarán no mantemento deste espazo natural recollendo todo o lixo que atopen nas zonas nas que traballen e ó longo das rutas que sigan nas súas visitas ó espazo natural.

 

A Fundación Fragas do Mandeo é unha entidade de custodia do territorio non gobernamental e non lucrativa nada no ano 2010. Grazas ó traballo de voluntarios e ás modestas doazóns de particulares, ten creado o fondo de conservación da natureza da comarca de As Mariñas, que lle permite adquirir montes de interese ambiental para a protección a perpetuidade dos hábitats naturais. Actualmente custodia unha superficie de 259.048 metros cadrados, sendo o 37 % en propiedade e o resto mediante cesións a longo prazo. Tamén apadriña 14 km de ríos e 3 km de costa. Máis información en www.fragasdomande.org

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Alf

O enlace está roto.... falta un "o" ao final: www.fragasdomandeo.org

1 anonimo

Falta fai