Os húngaros

Semellas o fillo dun xitano dicía o meu avó cando eu ía feito un tragaldabas.

Por Xurxo Ayán | Santiago | 15/09/2010

Comparte esta noticia

Seica unha cousa eran os xitanos e outra os húngaros. Miña mai recorda sempre a ilusión que lle facía a chegada deste últimos, nos seus carromatos, acampados nese espazo liminal que era o outeiro do Cachón, ás afóras da parroquia. Noutros sitios paraban no adro de ermidas un pouco alonxadas dos núcleos de poboación, como acontecía nalgúns lugares do Bierzo. Dacordo coa Lei de vagos e maleantes non podían parar máis de tres días no mesmo sitio. Os vellos asustaban aos croucos pícaros dicíndolles que non se achegasen perto dos húngaros que xa se escoitaba o renxer dos coitelos para preparar a cea con carne de neno cristián. Resulta curioso como na cosmovisión labrega os húngaros pasan a facer o mesmo cós mouros, eses seres míticos que habitan os castros e as medorras, que non son cristiáns e comen carne de “cristianillo”. Cousas da percepción simbólica do Outro.

A finais dos anos 50, chamaba moito a atención o colorido e as roupas dos húngaros, o feito de que as mulleres fumasen, e mesmo a presenza dun pequeno oso encadeado. O meu avó non vira outro oso dende que de noviño cruzara o Caurel para ir á seitura a Castela. Os húngaros que paraban en Cerasia traían incluso un vello proxector de cine, incluíndo nos números unha vellísima cinta de indios e vaqueiros; ás máis das veces os cabalos corrían do revés.

A diferenza entre xitanos e húngaros explícase historicamente. Os primeiros espállanse no século XV por Europa occidental; de feito, naquela época a Coroa de Aragón concede salvoconductos a grupos procedentes de Exipto e Túnez que, manda truco, esgrimen como excusa a peregrinación a Compostela. De feito, os filólogos cren que xitano procede de “egiptano” ou de “tingitano”. Pola contra, o espallamento dos xitanos húngaros acontece a raíz da abolición da servidume no Imperio Austro-Húngaro en 1864. Unha terceira vaga, a dos xitanos romaneses, acontece trala caída do rexime criminal e xenocida de Ceaucescu en 1989.

Todos estes grupos nómades ou seminómades, como as comunidades da Idade do Bronce en Galicia, deixan a súa pegada arqueolóxica. Un arqueólogo amigo meu escavou en Mos a contorna dun miliario romano da vía XIX e deu cunha foxa detrítica dun acampamento xitano de hai décadas. Entre a cultura material, no perfil estratigráfico da calicata, sobresaían os pés do esqueleto dun neno. Para máis de un, a proba irrefutable do canibalismo chantado no imaxinario colectivo. Estes estereotipos e prexuízos funcionan tamén con respecto ás comunidades chinesas en España. Basta con recordar esa lenda urbana de que non soterran os mortos.

Eu non tiven ocasión xa de ver os acampamentos húngaros en Galicia, pero si teño estado nalgún nesa abraiante zona que é a fronteira entre Hungría e Serbia. As feiras alí son un espectáculo que nos sitúa de cheo nas películas étnicas de Emir Kusturica. O mercado-circo co número do oso. Impagable. Tras sacar unhas fotografías, un patriarca contoume que na desgracia de ter que elixir, prefería a morte dun fillo que a do oso, o seu medio de produción. Isto no ano 2004.

En Europa a persecución dos xitanos comezou xa nada máis chegaren, para culminar no “porrajmos”, o holocausto xitano promovido polos nazis e os seus aliados. Na Europa do leste, a marxinalización desta etnia continuou en vigor até a actualidade, onde o renacer da ultradereita co gallo da crise económica volve ter consecuencias nefastas. Estando nestas, ao anano de circo Sarkozy dálle por deportar comunidades enteiras de cidadáns roma franceses oriundos de Romanía. Por desgracia, para este pequeno besbello a súa medida non é nada orixinal. A cousa vén de lonxe. Bismarck en 1870 ameazou coa expulsión dos xitanos do Reich para todos aqueles que non demostrasen a súa nacionalidade xermana (un afeccionado ao lado de Sarkozy). En 1889 estableceuse en Münich a Oficina Central para a Loita contra a Molestia xitana. Na mesma Francia, en 1912 os xitanos eran obrigados a portar un documento coas pegadas dáctiles, unha fotografía e o carnet antropométrico. En 1936 a INTERPOL crea en Viena o “Centro Internacional para a Loita contra a ameaza xitana”.

Comunidades nómades sen Estado sempre son consideradas como unha ameza e un perigo. En Etiopía, os grupos nómades trasnfronteirizos están suxeitos hoxendía a procesos de reasentamento por parte do Estado, dentro de supostas políticas civilizatorias e de Progreso. Pero nin en Etiopía se ordenan deportacións. As décadas de acollida de refuxiados sudaneses son un bo exemplo de precisamente o contrario.

O infame Sarkozy admira a Napoleón. Napoleón chamábase realmente Napolione Buonaparte e falaba corso. A súa familia apoiou o movemento secesionista corso liderado por Paoli. Trala derrota, a emigración a Francia aconsellou francesizar o nome. Napolione era un inmigrante de provincias, pero inmigrante á fin e ao cabo que rematou por renunciar á súa identidade. Pola súa vez, Sarkozy é fillo dun húngaro e neto de xudeus sefarditas. O seu pai, Pál Sarkozy de Nagybocsa, ao chegar a Francia modifica o nome e apelidos polo máis gabacho Paul Sarkozy de Nagy-Bocsa. Tráxico paradoxo. O pequeno Napoleón do século XXI, que ordea a expulsión de concidadáns xitanos, é fillo do exilio húngaro e neto da deportación sefardita. Velaquí novamente a trauma da inmigración. Como sentenciaba a miña bisavoa: “Non sirvas a quen serviu, nin pidas a quen pediu”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA