Por Galicia Confidencial | Vimianzo | 02/10/2017 | Actualizada ás 12:15
Camisetas da Selección Española. Ese foi o xeito que tiveron os concelleiros de Terra Galega (TEGA) no Concello de Vimianzo para protestar e tentar amolar ao rexedor nacionalista, Manuel Antelo, do Foro Galego, que forma parte de En Marea, polo seu apoio ao referendo catalán.
O das camisetas foi o inicio dun tenso pleno que rematou con varios expulsados e que provocou un "espectáculo lamentable" en palabras do propio alcalde. Foi nos rogos e preguntas cando a cousa se quentou. A voceira do PP, Raquel Rodríguez, foi expulsada tras ser chamada a orde en tres ocasións. A edila de IxV, Mónica Rodríguez, tamén mantivo unha acalorada discusión co alcalde sobre a maneira de tratar os expedientes e sobre os sobrecustos pagados ao arquitecto municipal, algo que provocou que o rexedor lembrara a xestión do ex rexedor no caso da Casa da Cultura coa emrpesa do seu irmán. Tamén o voceiro de TEGA criticou varias deficiencias no servizo de auga.
Pero a cousa aínda foi a máis. Cando o alcalde se dispuxo a dar as explicacións pertinentes aos rogos e preguntas formuladas, foi constantemente interrompido, increpado e mesmo insultado por algunhas persoas presentes no público. Concretamente foron dous veciños, un deles afectado polo posible derrube dunha casa en Bamiro e o outro implicado nun evento celebrado en Castrobuxán, denunciado polo Concello por utilizar auga sen permiso, os que máis irritaron a Antelo, que acabou botándoos.
"O pleno do venres foi rebentado por uns hooligans con lazos de amizade e relacións persoais con membros da oposición e que nin viven ninn están empadroados no concello de Vimianzo”, denunciou o alcalde despois. Tamén cargou contra a oposición aos que acusou de ser os responsables de "espectáculos lamentables para converter o pleno nun circo”.
Do medio colaborador QPC
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.