A fin do estado das autonomías

A aplicación concreta por parte do Poder Central do artigo 155 da Constitución sobardou con moito o marco de intervención definido nese precepto para chegar a decisións abertamente inconstitucionais por anular radicalmente o autogoberno: cesamento do President e do Govern todo e secuestro da facultade presidencial de disolución do Parlament e convocatoria de novas eleccións autonómicas.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 29/10/2017

Comparte esta noticia
Deste xeito, o Goberno do Estado propuxo e o Senado adoptou unha grave mutación constitucional moi grave. No futuro os Gobernos autonómicos poderán ser cesados e os Parlamentos autonómicos disolvidos.
 
Deste xeito, ráchase coa garantía constitucional da blindaxe das Institucións de autogoberno das nacionalidades do Estado español na súa autoorganización e funcionamento. Sabíamos xa que  o ámbito competencial do autogoberno non estaba blindado e que foi continuamente baleirado estes anos con profusa lexislación recentralizadora. Mais agora recondúcese o dereito á autonomía política a unha mera descentralización administrativa. A autonomía política de Galicia ou Catalunya xa non é sagrada en termos constitucionais. Agora é unha mera concesión outorgada.
 
Como pasou coa reforma do artigo 135 (que priorizou o pagamento da débeda pública sobre o financiamento da sanidade, a educación e demáis servizos públicos) outravolta o bipartidismo dinástico (agora feito tripartito coa inestimábel achega de Cs) rachou coas regras de xogo. Porque o que pasou cos esta aplicación do artigo 155 afecta substancialmente ao dereito á autonomía das nacionalidades do artigo 2 da Constitución. Desaparece, de feito, a garantía da autonomía recoñecida nese artigo.
 
As forzas unionistas veñen de aprobar unha mutación constitucional fundamental sen abrir melón ningún. O Estado das Autonomías morreu xa. Non sabemos o que virá, mais polo de agora semella que imos cara unha recentralización e renacionalización española moi potentes, moi pouco  diluídas en formas de descentralización puramente administrativa.
 
A arrincadeira: Nin rebelión nin sedición
 
O Fiscal Xeral do Estado vaise querelar contra Puigdemont por un presunto delicto de rebelión pola votación de independencia do venres. Mais falta en todo caso o elemento da violencia que define este delicto e o de sedición no noso Código Penal. O grave é que o reprobado Fiscal Xeral Maza sábeo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.