O pleno do Concello de Ponte Caldelas rexeita por unanimidade o transvasamento do río Verdugo

Critica que Augas de Galicia non lles ofrecese "información algunha" e apoia a mobilización deste domingo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2017 | Actualizada ás 13:01

Comparte esta noticia

O pleno do Concello de Ponte Caldelas (Pontevedra) aprobou este xoves, por unanimidade, unha moción que rexeita "calquera tipo de transvasamento" desde o río Verdugo ao sistema de Eiras-Oitavén, así como "calquera obra" tanto no leito do río como no termo municipal.

Ponte Caldelas rexeita por unanimidade o transvasamento do río Verdugo
Ponte Caldelas rexeita por unanimidade o transvasamento do río Verdugo | Fonte: Europa Press

O texto da moción oponse tamén a "calquera tipo de autorización a un bombeo provisional", tal e como contemplaba o acordo inicial da xunta de goberno local do pasado venres. "Ponte Caldelas entende que non se pode falar de bombeos provisionais cando se barallan obras cun custo que está ao redor do cinco millóns de euros", subliñou o Consistorio.

Ademais, o goberno local critica a "carencia" dun estudo de impacto ambiental das obras e a actitude de Augas de Galicia, órgano da Xunta con competencias na materia, pois "non se dirixiu en ningún momento ao Concello de Ponte Caldelas para ofrecer información algunha". Así, o alcalde, Andrés Díaz, cualificouno dun "acto de deslealdade institucional sen precedentes".

Á parte disto, o pleno aprobou apoiar a manifestación convocada polo Goberno local para este domingo, a partir das 12,00 horas na Alameda, que levará por lema 'Non ó espolio do Verdugo. Transvasamento non, Natureza si'.

Asistirán á mobilización os grupos municipais do PSdeG, BNG e a Agrupación Veciñal de Ponte Caldelas (AVP), ademais doutros colectivos sociais. O PP, pola súa banda, anunciou que non participará a pesar do seu voto favorable á moción.

Así as cousas, o pleno decidiu tamén, "por cortesía institucional", trasladar esta decisión aos municipios do sur da provincia que se abastecen do sistema Eiras-Oitavén: Vigo, Baiona, Cangas do Morrazo, Gondomar, Moaña, Nigrán, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, O Porriño, Mos e Oia.

"ABANDONO" NA VAGA DE INCENDIOS

Doutra banda, o Consistorio aprobou, co apoio de todos os grupos agás o PP, unha moción de protesta á Xunta, "especialmente a Presidencia e á Consellería do Medio Rural", polo "abandono" sufrido o pasado 15 de outubro pola vaga de incendios.

En concreto, o texto incide na "necesidade de implicar" as políticas forestais coas urbanísticas e de acabar co "bloqueo sistemático da Xunta dos plans xerais de urbanismo nos municipios nos que non goberna o PP". "Só con núcleos rurais actualizados a protección pode ser efectiva", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta