Galicia contribuíu a dous dos dez descubrimentos máis importantes en Física do ano 2017

A revista Physics World premia os maiores achados en Física, en dous dos cales participou o grupo de Física de Astropartículas da Universidade de Santiago.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/12/2017 | Actualizada ás 17:09

Comparte esta noticia

O grupo de Física de Astropartículas que dirixe o profesor Enrique Zas no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) na Universidade de Santiago de Compostela (USC) participou en dous dos dez avances en Física máis importantes do ano 2017 segundo a revista Physics World

Investigadores do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago de Compostela
Investigadores do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago de Compostela | Fonte: USC.

O premio ao descubrimento máis importante outorgado pola publicación científica recaeu no equipo internacional de astrónomos e astrofísicos que realizou a primeira observación simultánea dun obxecto do Universo con ondas gravitacionais e radiación electromagnética, dous tipos de radiación orixinadas na fusión de dúas estrelas de neutróns nun sistema binario na galaxia NGC 4993 a uns 130 millóns de anos luz da Terra.

A colaboración internacional Pierre Auger, da que forma parte o grupo do IGFAE na USC, contribuíu a este fito buscando neutrinos de moi alta enerxía en coincidencia coa observación desa fusión. Os detalles desta busca publicáronse en dous artigos en Astrophysical Journal Letters. 

Os neutrinos son partículas elementais que practicamente non interaccionan coa materia, polo que se necesitan detectores enormes para a súa observación como o Observatorio Pierre Auger en Arxentina, o detector de raios cósmicos máis grande e preciso do mundo. “Nesta nova era da chamada Astronomía multi-mensaxeiro agárdannos anos emocionantes en Astrofísica, Astronomía e Física, nos que o Observatorio Pierre Auger seguirá contribuíndo a este esforzo de colaboración mundial”, asegura o investigador do IGFAE responsable da busca de neutrinos en Auger, Jaime Álvarez Muñiz.

A colaboración Pierre Auger foi tamén subliñada por Physics World nesa clasificación dos dez mellores avances do ano pola súa recente solución ao misterio de máis de medio século sobre a orixe dos raios cósmicos de maior enerxía, partículas subatómicas con enerxías millóns de veces maiores que os protóns acelerados no Gran Colisionador de Hadróns do CERN. Ao estudar a distribución das direccións de chegada de máis de 30.000 partículas cósmicas, a colaboración Pierre Auger descubriu que os raios cósmicos de ultra alta enerxía se orixinan fóra da nosa Galaxia. Os resultados desta investigación publicáronse en Science.

“Estamos moi orgullosos de ter contribuído ao achado da orixe extra-galáctica dos raios cósmicos que resolve un dos misterios clave na Astrofísica moderna”, confesa Inés Valiño, investigadora do IGFAE coa responsabilidade na organización do Observatorio de reconstruír a dirección de chegada e a enerxía dos raios cósmicos detectados. “O noso seguinte paso –avanza- será identificar os obxectos astrofísicos onde se orixinaron grazas aos datos que se recompilarán na actualización do observatorio, o chamado AugerPrime”. 

O grupo de Física de Astropartículas da USC participa no Observatorio Pierre Auger desde 2002, cando España se converteu en país membro desa colaboración que hoxe reúne máis de 400 científicos de 17 países. Ademais de Enrique Zas, Jaime Álvarez e Inés Valiño, actualmente o grupo o compoñen outros cinco investigadores: Aida López, Gonzalo Parente, Francisco Pedreira, Guillermo Torralba e Ricardo Vázquez, informa a USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta