A Festa dos Fachós; ritos celtas purificadores e costumes campesiños

A alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, presume este ano, máis que nunca, da súa Festa dos Fachós. Camiño de ser ‘Festa de Interese Turístico de Galicia’ presenta este ano grandes novidades tal e como conta nesta entrevista.

Por X.M. Fernández | Castro Caldelas | 16/01/2018 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Castro Caldelas presume de festa. Da súa Festa dos Fachós que ten lugar o 19 de xaneiro e que cada ano convoca a máis xente atraída pola historia que hai detrás dela, pola espectacularidade dos fachós ardendo e polo ambiente que se crea esa noite.

Fachós. Foto: Ester Alais.
Fachós. Foto: Ester Alais.

Este venres, entre lusco e fusco, e tras o estourido dun foguete, unha procesión de fachós prendidos, un gran fachón de varios metros de lonxitude e outros individuais,  percorren as principais rúas de Castro Caldelas ata chegar á antiga igrexa parroquial de San Sebastián e Santa Isabel. Nese intre tocan as campás e xúntase toda a comitiva. No atrio da igrexa unha gran fogueira recibe aos participantes que depositan alí os restos dos fachós e prepáranse para a festa rachada e a degustación de chourizos asados da zona, viño da Ribeira Sacra e queimada. A festa non remata ata que morre o lume.

Sara Inés Vega, alcaldesa de Castro Caldelas, vive como unha veciña máis “os fachós” participando activamente e facendo o posible por consolidar ano tras ano esta tradición. Comentamos con ela algún detalles desta enxebre celebración.

A festa faise sempre o 19 de xaneiro, caia luns ou sábado, verdade?

Exacto. O 19 é o día propio e non se cambia, sempre se celebra na véspera de San Sebastián sendo o día 20 festa local na vila.

Sara Inés Vega, alcaldesa de Castro Caldelas.
Sara Inés Vega, alcaldesa de Castro Caldelas.

Como evolucionou esta celebración?

Hai documentación escrita sobre a mesma que data do ano 1.750 co cal xa te podes imaxinar se vén de lonxe. Antigamente era unha celebración espontánea na que participaban os veciños das diferentes aldeas do lugar e na procesión aproveitaban incluso para competir “sanamente” a ver quen levaba os fachós máis grandes. Dende hai uns 20 ou 22 anos o Concello tomou as rendas da celebración porque comezou a escasear a palla, material imprescindible para elaborar os fachós. Deste xeito, e para garantir a continuidade do festexo, encargouse a dúas familias o traballo de sementar centeo, coidalo e posteriormente mallalo para poder ter a palla necesaria.

Respecto ás orixes, cal é o xermolo desta tradición?

Hai varias teorías sobre a súa orixe. O caldelao Vicente Risco, por exemplo, relaciona a festa cos ritos celtas de culto ao sol, cando este desaparece préndense os fachós para volver ter a luz e o calor do astro rei… Outra teoría sinala que non é mais que unha expresión de liberación da xente, sobre todo nesta época do ano cando xa remataron as labouras agrícolas, as colleitas están recollidas e a matanza feita. Chegados a este punto, pois, o traballo no campo permíte unha certa relaxación e hai que celebralo pedindo tamén que o ano que comeza sexa bo.

Outra hipótese apunta ao século XVIII cando unha peste de cólera asolou a comarca caldelá e os veciños mobilizáronse pregándolle a San Sebastián que intercederá e rematara coa enfermidade. Daquela fixeron unha gran procesión con fogueira final para a ocasión e certamente a peste atallouse, quizais polo poder purificador e desinfectante do lume, co cal quedou no imaxinario popular ese sentimento de débeda co valedor San Sebastián.

Que novidades tedes este ano?

Como temos tramitada a solicitude de “Festa de Interese Turístico de Galicia” e o noso concello foi escollido recentemente como un dos máis fermosos de España pola “Asociación de Los Pueblos más bonitos de España” consideramos oportuno facer algo máis, complementar o programa habitual.  Este ano  Andrea Pousa e o Bruxo Queiman e coa participación de Rubén Riós ofrecerán un espectáculo exclusivo que porá en valor con artes escénicas espectaculares a historia de Castro Caldelas, os fachós e o lume en xeral.

A maiores do anterior tamén se gravarán un vídeo promocional da celebración, con alta tecnoloxía e drons e o Grupo Milson‘S aproveitará tamén a ocasión para gravar escenas dun videoclip. Na ambientación musical participarán grupos musicais da zona: Airiños de Caldelas, Banda de Gaitas Os Trabazos e Folión O Irrio.

Está garantido o relevo xeracional nesta festa?

Por suposto que si. A elaboración dos fachós vai pasando de vellos a novos co cal o relevo estase levando ben. Os caldelaos vivimos moi intensamente as tradicións, e nesta están sempre moi implicados os máis novos.

O famoso “Gran Fachón” é cada ano foco de atención?

Si, claro. Resulta moi espectacular ver un fachón que serpentea as rúas de Castro Caldelas e que ten pasado dos 35 metros de lonxitude. Este tipo de retos fai que cada ano os participantes queiran superarse e ser carretadores do impresionante fachón que encabeza a procesión.

Que incidencia ten a “Festa dos Fachóns” para a economía local?

Pois máis da que se poida imaxinar. Aínda que sexa unha celebración de tarde noite moita xente ven e consume nos establecementos da vila. E este ano máis se cabe pois caendo a venres hai xa moitas reservas hostaleiras de cara a aproveitar a fin de semana.  E outro detalle, dende que o Concello se fai cargo da organización e ofrece os chourizos asados aos visitantes xa se crearon dúas empresas de elaboración de embutidos. Evidentemente, os chourizos que se ofrecen na festa son caldelaos, asados con leña de carballo, e o viño da Ribeira Sacra servido en cuncas de barro tras unha iniciativa dos rapaces da vila ao Concello na que propuxeron eliminar os vasos de plástico da festa hai dous anos.

Gran Fachón. Foto: Concello Castro Caldelas
Gran Fachón. Foto: Concello Castro Caldelas
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

2 lumdo

non sera a festa dos fachas

1 Natasha Rostova delasRestrevas

Non, non o é. E unha das festas tradicionais máis enxebres de Galicia. Merece a pena vivila nunha vila e nun entorno ben fermosos. Os meus parabéns aos caldelaos por amar as súas tradicións e mantelas. Crédeme, se non coñecedes o Castro, non coñecedes Galicia. Viño novo, chourizos, amabilidade, un entorno privilexiado... Entre as miñas mellores lembranzas figura e figurará a Terra de Caldelas... Con respecto ás orixes, son da opinión (neste caso) de Risco: é a pervivencia dunha festa do solsticio de inverno (unha festa ígnica) que ven puido trasladarse por mor da peste á que se fai referencia no artigo. Na miña parroquia sacamos un maio en setembro, así que cousas máis raras se viron. E de feito, se ledes a Frazer (La rama dorada) veredes que as dúas explicacións non son contraditorias. Pero, a miña recomendación é que vaiades ao San Sebastián. Crédeme é unha noite máxica.

2 PcRs

Nos sei que coñece a señora, as vivencias da festa seguro e os tópicos tamén... Nunhas palestras de antropoloxía celebradas hai un mes en Pontevedra, vimos, creo lembrar, unhas cincuenta festas de Cataluña e Levante igualiñas a celebrar en xuño (celtas?, solsticio de inverno?, peste?), varias ducias por terras galegas, de Castela e Portugal... E Frazer, confunde prolixa descripción con interpretación (de hai máis de cen anos, que xa choveu, pode actualizarse se quere, e xa non falemos do celtismo de Risco). En fin, en Vilelos sonlle tan auténticos e menos presuntuosos. E o viño da ribeira do Miño parece que non provoca tantas alteracións localistas como o do Sil... Querer explicar unha festa tradicional, que se repite e repite noutras terraa, desde un feito local é un disparate. Polo demais, boa festa!

3 PcRs

Trasladar elementos do ciclo anual para as festas patronais non é nada raro. Non sei cal é a súa parroquia, aínda que sospeito que está errada, pois o ramo igual non é precisamente un maio (aínda que leve tal nome). O dito, por Verín andamos hoxe polo San Antonio, tamén con ritos ígneos e sen peste... E con bon viño do Támega!

1 PcRs

Unha festa moi interesante e un lugar de imprescindible visita. Nas teorías, a alcaldesa esquece ou non sabe gran cousa, xa que a festa repítese noutras moitas localidades (o tema da peste local logo non serve para explicala, é unha ocurrencia localista), e chámase folión de fachas, fachos, fachós, fachucos... E aínda conservamos algunha orixinal e sen tanta intervención. Pasen e vexan: folión de fachas de Vilelos na https://gl.m.wikipedia.org/

1 Reichel

É unha mágoa q alguén q parece preocupado pola antropoloxía e sen duda coñecedor de tradicións e ritos, escriba con tanto desprecio sobre unha tradición q se mantén viva gracias ó traballo e colaboración dos veciños de Caldelas, aínda q estea máis ou menos intervida. Seguro q as fachas de Vilelos ou calqueira outra cousa similar no Levante tamén merecen o mesmo respeto, eu agradézolle a aportación e procurarei coñecer máis sobre o tema. Veña vostede e disfrute do lume, do viño, dos chourizos, da bica e da hospitalidade. Por certo o viño do Támega, do Ribeiro, do Bibei ou da Ribeira Sacra seguro q provoca as mesmas alteracións dependendo a cantidade q se beba, polo demais calqueira deles merece o noso eloxio e degustación. E q viva o San Antón de Abedes!

2 PcRs

O respeito comeza polos nomes: Ábedes e folión. Segue por comprender a ironía cando falo do viño que provoca --textual-- alteración localista (cousa que deberiamos entender os galegos e galegas, e combater ridículas diferenzas localistas). En ningún momento se tratou de molestar a veciñanza (erra de cheo), outra cousa son os manipuladores da festa (igual tampouco o entendeu, falo dos que alteraron a tradición, a autenticidade e a orixinalidade da festa). E moi doado de recoñecer, se hai sensibilidade e distancia co poder político, ou se fala cos maiores (outro día tamén pregunte polo Irrio). Polo demais, de viño vostede sabe pouco... pois o do Bibei xa está na Ribeira Sacra! E fale máis cos portadores da tradición e menos cos directores da orquestra!

3 Reichel

A vostede q se cre con dereito de correxir e xuzgar sen coñecer, sólo me resta dicirlle q folión é aguda igual q a súa pluma pouco acostumada a q lle repliquen, polo q se ve. Por min q morra o conto aqui q eu marcho a tocar unha peza desas tradicionais que por tan ensaiada e sentida non precisa director de orquesta. Saúde e q viva o entroido e o folión, se quere vostede un bombo para sentir nos dedos o peso da tradición, fale comigo q llo presto. E esto non é ironía ningunha.