Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/01/2018 | Actualizada ás 13:40
O polémico concurso de 7.500 euros para organizar o arquivo de Vedra e que se realizou nun mes e cinco días segue dando que falar. A Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (BAMAD) cre que calquera contrato público debe facerse coas condicións previas de transparencia e igualdade de oportunidades. Algo que non aconteceu no concurso deste concello coruñés.
“Sería necesario ter realizado con tempo suficiente a exposición pública, ou neste caso, por ser contrato menor, a petición de ofertas por procedemento negociado para presentarse a este proxecto”, suliñou secretario de BAMAD Galicia, Xoán Manuel Pérez Lijó, en declaracións a GC.
Ademais, considera “irregular” que na petición de subvención, seis meses antes, se incluíse xa o nome dunha persoa para desenvolver o proxecto cando aínda non estaba feito o procedemento negociado, tal e como denunciou a oposición. “Polo que neste caso si que pode existir algún tipo de irregularidade na contratación realizada polo Concello”, apunta.
FACER O TRABALLO NUN MES
Sobre a realización do traballo en tempo menor ao estimado, BAMAD considera que “é posíbel” facelo xa que moitas veces as estimación sobre os traballos a describir fanse sobre cantidades e documentación estimada que non ten porque levar o tempo previsto. “Unhas veces por levar menor traballo de descrición e outras veces, como acontece normalmente na administración, por que se subestime o total e o tempo necesario levando nalgúns casos a superar o tempo e os custes estimados”, dixo.
Ademais, aclara que o traballo non se realizaría en xornadas dunha persoa durante 16 horas, xa que pode existir un coñecemento previo sobre o estado da documentación da persoa que realiza o traballo, así como unha estimación á alta en exceso por parte da administración que contrata. “Isto non debería pasar así, pero moitas veces acontece que a propia administración carece de persoal técnico para valorar este tipo de servizos”, apuntou Pérez Lijó.
En relación a outra das críticas da oposición, que apuntaba que a persoa seleccionada non tiña formación específica en arquivística, esta entidade di que descoñece a experiencia profesional da elixida. Con todo, asegura que o non ter titulación específica en arquivos non ten porque impedir que esa persoa teña outra formación ou experiencia práctica no traballo. Así, lembra que, no caso galego, e sendo recentes as titulacións de biblioteconomía, documentación ou arquivística, moitos dos profesionais que desenvolvemos o seu traballo nestes sectores procedecen doutras áreas de coñecemento relacionadas coas ciencias sociais e as humanidades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.