Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 09/03/2018 | Actualizada ás 14:00
As bibliotecas públicas galegas e do resto do Estado acollen unha colección "pequena pero preocupante" de literatura sobre pseudociencias, isto é, afirmacións, crenzas ou prácticas que, a pesar de presentarse como científicas, non teñen base en ningún método científico válido e que, polo tanto, son unha fraude.
Un 0,13% do total de títulos que se poden atopar nas bibliotecas públicas galegas —porcentaxe que ascende ao 0,15% no conxunto de España— abordan as pseudociencias. Aínda que en apariencia semella unha porcentaxe insignificante, o certo é que resulta "preocupante". Así o recolle o estudo 'Análisis de la presencia de pseudociencia en los catálogos de las bibliotecas públicas españolas', publicado polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e asinado por Sergi Cortiñas Rovira e Marc Darriba Zaragoza, investigadores do Departamento de Comunicación da Universidad Pompeu Fabra.
A palabra 'pseudociencia' enténdese normalmente como "falsa ciencia" ou "coñecemento que aparenta ser ciencia pero que, en realidade, non o é". O estudo agora publicado polo CSIC examina a presenza de libros que tratan manifestacións pseudocientíficas como tema principal nos catálogos das bibliotecas públicas de todo o Estado, así como a posición que estas obras toman respecto da pseudociencia.
As manifestacións pseudocientíficas máis presentes nos catálogos das bibliiotecas públicas están relacionadas con astroloxía, tarot e horóscopo.
Os investigadores recompilaron os datos mediante a procura de 50 conceptos claves que inclúen varias manifestacións pseudocientíficas populares, algúns hiperónimos que concentran manifestacións menos coñecidas e os autores ou ideólogos dalgunhas delas.
Para facilitar a visualización dos datos recollidos, os conceptos claves agrupáronse en familias: Adivinación, Médico-terapéuticas, Parapsicolioxía e 'ciencias ocultas', e Macroteorías e cosmovisións.
Sobre o volume de obras que versan sobre pseudociencias e que se integran no fondo de bibliotecas públicas, os autores do estudo descubriron que as bibliotecas españolas dispoñen nos seus catálogos de máis de 22.000 títulos que abordan algunha manifestación pseudocientífica como tema principal, achegándose ao milleiro no caso galego.
"As cifras relativas mostran que a presenza de pseudociencia alcanza o 0,15% do total de títulos. Esta cifra está tomada sobre o total de títulos e non sobre o total de monografías de non ficción e obras de referencia –é dicir, non se excluíron as obras de ficción–. Aínda que sería desexable ter o dato da porcentaxe final unha vez excluídas as obras de ficción, iso non foi posible dado que este tipo de discriminacións non se poden realizar de forma fiable e segura, segundo o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte", clarifican os autores do estudo.
"Se existise a opción de ter cifras sen atender as obras de ficción, a porcentaxe 0,15% ascendería notablemente. As obras críticas ou contrarias coas manifestacións pseudocientíficas son claramente minoritarias no conxunto da mostra", engaden.
A astroloxía é, entre as pseudociencias, a máis presente nas bibliotecas. O estudo tamén alerta sobre a "ameaza que supón a homeopatía, xa que o número de obras tratando esta pseudoterapia supera nun cociente de 1 a 20 as obras referentes á quimioterapia", saliéntase no traballo.
O segundo grupo de manifestacións pseudocientíficas máis estendido comprende pseudociencias do ámbito de acción terapéutica que, ademais de "supoñer un retroceso cultural para a sociedade", tamén "poden supoñer unha ameaza para a saúde dos seus usuarios", advirten os investigadores. Este grupo de manifestacións supoñen case un 30% das obras integradas na base de datos.
CASE MIL TÍTULOS SOBRE PSEUDOCIENCIAS NAS BIBLIOTECAS GALEGAS
As bibliotecas públicas galegas contan, segundo os datos deste estudo, cun catálogo de 753.451 títulos, dos que 978 tratan sobre pseudociencias, isto é, o 0,13% do total. Esta cifra representa o 4,38% do total de obras pseudocientíficas dispoñibles no conxunto das bibliotecas de toda España.
Máis aló do predominio da familia “Adiviñación” no conxunto estatal, cada autonomía dispón de títulos críticos coas pseudociencias en proporcións distintas. Hai varios territorios onde algunha familia non conta con ningunha obra crítica. O caso máis extremo é Estremadura, onde o reducido número de obras críticas se concentra na familia “Adiviñación”. Só o catálogo da Rexión de Murcia se une a Estremadura ao non contar con obras contrarias a pseudociencias da familia "Médico-terapéutica".
A familia que conta con menos obras críticas, a de “Macroteorías e cosmovisións”, conta con títulos na súa contra en case todos os territorios; só os catálogos de Castela-A Mancha e Galicia acompañan ao de Estremadura sen obras críticas coas manifestacións pseudocientíficas asociadas a esta familia.
Finalmente, cinco Comunidades Autónomas –Aragón, Baleares, Cantabria, Castela-A Mancha e a Rioxa– son as que, xunto a Estremadura, non reúnen un só título crítico ou contrario con ningunha das pseudociencias da familia “Parapsicoloxa e ocultismo”.
A nivel territorial, os autores destacan os casos das Comunidades Autónomas que se desvían máis de 0,5% do cociente estatal (1,79%). Así, os territorios cos catálogos menos críticos coa pseudociencia son Asturias, Canarias, Cataluña e Melilla, mentres que Castela e León, Estremadura, Galicia e A Rioxa presentan un cociente bastante superior á media estatal.
Castela e León é o territorio cunha porcentaxe de obras sobre pseudociencia menor, xa que tamén é un dos territorios cunha cociente maior de libros críticos. Trátase, pois, do territorio menos “contaminado”, segundo os responsables deste informe.
No caso de Galicia, entre as 978 obras sobre pseudociencias, 25 son críticas, é dicir, tan só o 2,56%. E entre o conxunto de títulos críticos coas pseudociencias en todo o Estado —399—, as que se atopan nas bibliotecas galegas representan o 6,26% do total.
No polo oposto atópase a cidade autónoma de Melilla, o territorio con maior presenza porcentual de obras que tratan disciplinas pseudocientíficas e tamén una das zonas cun menor cociente de libros críticos.
MANDAN AS ARTES ADIVINATORIAS
Sobre o total da mostra analiizada, só o 1,79% dos libros presentes na base de datos –399 títulos sobre 22.319– mostra unha actitude crítica ou contraria á pseudociencia que tratan.
"As baixas cifras de obras críticas ou contrarias deberían poñernos en alerta", avisan os expertos.
A maioría de obras gardan relación con conceptos clave da familia das artes adivinatorias, en concreto, un 40,08%. Inmediatamente despois atópanse as obras asociadas aos conceptos clave que figuran na familia das pseudociencias do campo médico-terapéutico, chegando case ao 30% do total de títulos. As obras relacionadas con outras macroteorías ou cosmovisións constitúen un 19,2% do total recompilado na base de datos. Finalmente, a familia que engloba todo o relacionado co paranormal reúne o 10,74% restante.
Os dez conceptos pseudocientíficos máis comúns no catálogo das bibliotecas son: astroloxía, horóscopo, homeopatía, feng shui, tarot, grafoloxía, acupuntura, adivñación, espiritismo e cábala.
“Astroloxía” é o concepto clave que orixina o maior número de resultados da base de datos —3.258 obras—, chegando ao 14,6% do total de títulos recollidos, seguido por “Horóscopo” con 1.977 títulos. Dentro da mesma familia, “Tarot” reúne máis dun 6% do total do catálogo, con 1.370 obras. "Homeopatía suma 1.710 obras; "Feng shui", 1.459; "Grafoloxía", 1.297; "Acupuntura", 924; "Adiviñación", 840; “Espiritismo”, 827, e “Cábala”, 791.
A distribución dos títulos críticos ou contrarios por familias mostra como o grupo con máis títulos cunha visión crítica ou contraria á manifestación é "Adiviñación", que recolle máis dun 70% do total de obras críticas. O concepto “Astroloxía” é, de feito, o único que rexistrou polo menos unha obra crítica en cada autonomía. Trátase, na maioría de casos, de libros que falan da astroloxía como protociencia.
A familia “Macroteorías e cosmovisións” é a que concentra menos títulos críticos e contrarios, en gran medida, aportan os autores do estudo, debido á indefinición que as caracteriza. Por último, os libros críticos coas pseudociencias do campo médico-terapéutico como tema, así como coa parapsicoloxía e o ocultismo, reúnen pouco máis do 10% de títulos cada familia.
PERIGOS DA PSEUDOCIENCIA E O PAPEL DOS MEDIOS
Os autores do estudo avisan de que o auxe da pseudociencia conleva "unha serie de perigos, a miúdo infravalorados, que afectan a toda a sociedade", xa que "supón un empobrecemento e un retroceso cultural" e "implica casos de fraude con intención de lucrarse na maioría dos casos", ademais de "xogar coa esperanza, o medo, a incultura ou a inxenuidade da xente".
Alertan, ademais, de que as prácticas pseudocientíficas "poden afastar a algúns pacientes das terapias convencionais para tratar enfermidades graves a cambio de promesas baleiras".
Os científicos consideran "primordial achar os mecanismos sociais que usa a pseudociencia para activar a grandes públicos", ademais de idenficar as súas "estratexias discursivas", para "entender cal é o seu papel no imaxinario colectivo da sociedade actual".
Neste camiño, propoñen este estudo como "o primeiro paso para entender o funcionamento da pseudociencia" e comprender "con que estratexias se defende e que interlocutores contribúen a fomentar un clima de opinión favorable á súa inserción social e á súa profesionalización".
Así, sinalan os medios como parte do problema: "Os discursos emitidos polos medios de comunicación adoitan dar cabida á pseudociencia", contribuíndo a "crear climas de desinformación, especialmente ao redor do conxunto de manifestacións pseudocientíficas do campo médico-terapéutico", argúen.
Nas súas conclusións, os autores do estudo consideran que os resultados do seu traballo "abren un escenario problemático", xa que "áinda que as pseudociencias supoñen unha porcentaxe baixa dentro do total de títulos das bibliotecas de España, a cidadanía pode dispoñer destas obras sen ningún tipo de advertencia".
Para contrarrestar esta situación apostan por "divulgar a ciencia cada vez máis e mediante todas as canles".
OS GALEGOS NON CREN NA ASTROLOXÍA
Os galegos somos os menos crédulos no Estado español no que se refire ás pseudociencias. Segundo a oitava 'Encuesta de Percepción Social de la Ciencia' que realiza de maneira bienal, desde o ano 2002, a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, FECYT, os galegois temos moi claro que os horóscopos son unha fraude. De feito, somos os cidadáns que menos cren na astroloxía.
Tampouco confiamos na pseudociencia homeopática nin cremos nos fenómenos paranormais nin nos números da sorte ou os amuletos. E, malia a crenza estendida de que a nosa é terra de meigas e curandeiros, tampouco confiamos nestes.
Os galegos, entre os que menos cren na homeopatía, os curandeiros, o horóscopo e a sorte
Os galegos témolo claro: os horóscopos son unha fraude. De feito, somos os cidadáns que menos cren na astroloxía. Tampouco confiamos na pseudociencia homeopática nin cremos nos fenómenos paranormais nin nos números da sorte ou os amuletos. E, malia a crenza estendida de que a nosa é terra de meigas e curandeiros, tampouco confiamos nestes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.