Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/03/2018 | Actualizada ás 20:30
Primeiro foi o xornalista de Praza, David Reinero. “Que delegado do Goberno lle deu a vostede esa información?”, preguntoulle a Alberto Núñez Feijóo tras recoñecer el mesmo no programa 'Salvados' de La Sexa que un alto cargo lle avisara de que se ían publicar a súas polémicas fotografías co narcotraficante Marcial Dorado. “Esas fotos estaban en mans de moita xente e a min ameazoume un partido político con facelas públicas, mesmo nunha campaña electoral, e, polo tanto, non podería contestarlle esa pregunta”, contestoulle o presidente da Xunta ao xornalista, que insistiu: “Pero quen lle deu a vostede esa información?”. E Feijóo respondeu: “Dígolle que esas fotos a tiña moita xente e eu non tiven nada que ver con ningún sumario en relación a esas fotos”. “Pero considera lóxico que un delegado do goberno lle informe diso?”, insistiu Reinero. “Intentei non contestarlle á primeira pregunta e non vou facelo nesta. Igual me parecece interesante como unha tertulia, pero non nunha rolda de prensa”, zanxou Feijóo.
E despois preguntou Galicia Confidencial: “Foi vostede quen dixo nese programa que foi o delegado do Goberno quen lle pasou esas fotos. Polo tanto, pode confirmar quen foi?”. E a resposta do presidente da Xunta foi o seu menosprezo: “Sería unha falta de respecto que lle dea a vostede unha información que non lle din ao seu compañeiro. Cando teñan vostedes un programa en La Sexta, e lle conceda unha entrevista, igual lle contesto”.
Velaquí toda a conversa:
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.