Por Galicia Confidencial | Lugo | 17/05/2018 | Actualizada ás 14:00
Os lucenses están de noraboa. O Día das Letras Galegas trae un gran presente para toda a provincia de Lugo e as zonas galegofalantes do Bierzo e de Asturias. Nacen tres medios de comunicación co obxectivo de darlle voz a eses concellos do interior para que teñan máis vida, maís economía e máis dinamismo social, porque Galicia tamén é o interior, non só fachada Atlántica.
LugoXornal (www.lugoxornal.gal), Xornal de Lemos (www.xornaldelemos.gal) e Xornal da Mariña (www.xornaldamariña.gal) abordarán a actualidade política, económica, cultural, deportiva e social de todas as comarcas da provincia. Prestará especial atención aos movementos sociais, ao medio ambiente e ao patrimonio e tentará tamén dar voz aos pequenos concellos que poucas veces saen nos medios.
VOZ AO GALEGO DO BIERZO E DO EO
Ademais, serán os primeiros medios en internet desde a época do precursor Vieiros en informar en galego sobre o que acontece nas zonas galegofalantes do Bierzo e do occidente de Asturias, espazos culturais, sociais e económicos que sempre tiveron relación con Galicia e, especialmente, coa provincia de Lugo.
ASOCIACIÓN CO GC
Lugo Xornal, Xornal da Mariña e Xornal de Lemos tamén estarán asociados a GC (www.galiciaconfidencial.com), o principal medio dixital en galego e un dos máis importantes no panorama mediático de Galicia, co que hai un acordo para intercambiar soporte informativo, comercial e técnico. Todos estes medios contan cun acordo para intercambiar información e publicidade. O mesmo acontece con Xornal de Vigo (www.xornaldevigo.gal) que naceu o pasado 2 de maio.
Este novos medio de información contarán cun gran equipo de colaboradores xornalistas e dinamizadores comerciais. Así, Óscar Bernárdez Pérez e Millán Gómez Pérez estarán en Lugo Xornal, Ramón González Rey, Vanesa Gómez e Brais González no Xornal da Mariña e Pilar Vázquez Prieto e Xosé Manuel Fernández Montes, no Xornal de Lemos. Desde o GC colaborarán Xurxo Salgado, Alberto Quián e Moncho Mariño.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.