Por Xurxo Ayán | Santiago | 11/03/2011
Dende esta óptica, os tempos de cambio, de transición entre períodos culturais foi de sempre un dos temas-estrela da Prehistoria e da Arqueoloxía Clásica. Se procurades en Google “transición Idade do Bronce-Idade do Ferro” daredes cunha manchea de congresos, workshops, artigos e teses de doutoramento centradas na emerxencia da paisaxe fortificada, na aparición dos castros, por poñer un exemplo cercano.
O cambio é unha obsesión arqueolóxica pero tamén unha marca de identidade de calquer partido democrático que se precie. Pola contra, as ditaduras aborrecen o cambio. Recordara nalgún sitio Manuel Rivas a frase aquela de Manuel Fraga: “Ahora lo urgente es esperar”. Este alegato a prol do inmobilismo atopámolo tamén nunha camiseta que vimos na Guinea de Obiang: “Continuemos sin cambios con nuestro diputado Hinestrosa”. Pero as transicións, xa sexa en ditaduras ou democracias, provocan incertidume, dan lugar a trocos traumáticos, haxa Bastillas e Robespierres polo medio ou non, serven de cobertura para destruír monumentos e espazos simbólicos do réxime de turno.
De paso, a pillaxe e o furtivismo aprovéitanse das situacións de momentáneo caos. Esta seica foi a razón que levou a dimitir ao referente mundial da Exiptoloxía, Zahi Hawass, xefe do Consello Superior de Antigüidades exipcio. Segundo el, deixa o cargo pola falla de compromiso do goberno de transición cara ao expolio arqueolóxico das últimas semanas. Obviamente a ninguén se lle escapa o trasfondo político do asunto, no caso dun científico que foi en moitos casos a cara amable da burocracia do réxime de Mubarak e o garante internacional dos beneficios do turismo no PIB exipcio. Sexa como for, semella que moitos arqueólogos e arqueólogas do Primeiro Mundo estanse a tomar a revancha ao ver a caída do verdadeira ditador do Patrimonio arqueolóxico da terra dos faraóns.
Zahi Hawass foi moitas veces implacable e esixente na súa política de concesión de permisos e inspección das escavacións levadas a cabo por equipos estranxeiros. O seu carácter mourinhista e o seu poder omnipotente explican en parte as envexas e desencontros coa comunidade científica estranxeira. Pero o que tamén se olla nalgunhas destas críticas é a boa saúde de perspectivas coloniais na Arqueoloxía internacional. Os que se alegran da súa marcha argumentan na súa contra o seu excesivo perfil mediático, os títulos e premios recibidos o seu papel de controlador da actividade arqueolóxica... no seu país. Esquencen que en Occidente contamos con auténticos gurús da Paleontoloxía (velaí está Arsuaga), con arqueológos británicos que foron nomeados cabaleiros do Imperio Británico, con divulgadores que acadan a categoría de estrelas e aos que se conceden Premios Príncipe de Asturias polo seu traballo de cara á sociedade. Pero claro, non son magrebíes do Segundo Mundo.Tamén esquencen o concepto de soberanía nacional, o remate dese colonialismo arqueolóxico que perdura en termos como o de Misión.
Todas estas cuestións atópanse na axenda arqueolóxica internacional e son decote debatidos no World Archaeological Congress. O papel das comunidades indíxenas, a devolución do Patrimonio roubado polas metrópoles (diso non falan os detractores do papel xogado polo Consello Superior de Antigüidades de Exipto), o problema ético e político das escavacións desenvoltas noutros continentes... son realidades ás veces ignoradas polos arqueólogos científicos, preocupados unicamente por acadar a subvención anual para seguir exhumando as pinturas dunha tumba ou escavando un tell en non sei onde para encher de pezas un museo dunha fundación privada. Neste contextos cómpre preguntarse: a quen pertencen os obxectos? tal como reza o título dun coñecido libro de Arqueoloxía postcolonial de Eleanor Robson, Luke Treadwell e Chris Gosden.
Este tipo de denuncias de práticas coloniais en Arqueoloxía fan fincapé nunha actitude que se atopa sempre no fondo: o paternalismo cara ao país no que se traballa. Este paternalismo arqueolóxico vén sendo o mesmo paternalismo que se esgrime un día si e outro tamén nas editoriais e artigos de opinión dos xornais europeos, nos que supostos científicos sociais se empeñan en dar leccións de democracia aos cidadáns e cidadás norteafricanos, marcando as follas de ruta das revoltas, denunciando a ausencia de sociedade civil, o papel nulo da muller e o tribalismo como eivas do progreso. Isto ten gracia no caso español onde o Gaddafi de turno morreu na cama, onde se esquence que a nosa transición tamén foi titorizada e tutelada polo Exército, foi protagonizada en parte por cambiachaquetas do réxime precedente, foi levada a cabo unicamente por homes e realizada á marxe dunha feble sociedade civil. Isto ten gracia nun dos países onde máis se ten afectado o Patrimonio arqueolóxico grazas ao modelo económico do pelotazo urbanístico que herdamos do tardofranquismo e da transición. Isto ten gracia nun país no que non dimite ninguén, no que se fan negocios con Gadafi (ese Fraga), onde se pide esmola a xentalla como Obiang, cun presidente do Parlamento español humillándose para tentar meter a Repsol no negocio do petróleo do golfo de Guinea, mentres non condena a represión marroquina no Sahara, o moi católico.
Todo isto da man dun goberno progresista que voltará empregar en campaña o slogan de Polo cambio. Nunca fíxo falla tanto unha segunda transición na que xubilemos a toda esta calaña, a todas estas momias de museo. Porque en España tamén a sociedade vai por un lado e a clase política por outra, pero claro, non somos o Magreb, somo o Reino de España, onde o estado do benestar medrou, morreu e está a desaparecer conformando xa unha inmesa ruína arqueolóxica cuberta polas silveiras da máis infame indecencia.