Por Alicia Casas | Santiago de Compostela | 06/06/2018 | Actualizada ás 21:00
O Museo do Pobo Galego está a celebrar a 13ª edición da MICE, a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico que pretende dar a coñecer os traballos audiovisuais que se fan no campo da etnografía e a antropoloxía visual. Así, esta mostra permite acceder, dende o 5 ao 10 de xuño, a obras que van desde o documental clásico e máis expositivo ate os ensaios fílmicos máis experimentais.
Deste xeito, entre os obxectivos da MICE está difundir propostas audiovisuais que produzan coñecemento sobre os colectivos sociais e as culturas humanas (especialmente as de carácter galego), amosar unha Etnografía na que se integran os contextos do presente, promover o coñecemento e o respecto pola diversidade e tratar singularmente o cinema etnográfico realizado por mulleres."Todavía non está suficientemente visibilizada a produción feminina. As escolas de cinema están cheas de mulleres e cabe preguntar que é o que pasa que aínda que temos boa vontade non se reflicte nas carteleiras" sinalou Ana Estévez, directora da Mostra.
E foi este martes 5 de xuño o momento de Tràs-os-montes (Margarida Cordeiro e António Reis, 1976): o momento de visualizar unha peza lírica con enorme potencial informativo. Unha peza complexa, xustaposta, un álbum de fotografías que reproduce instantes de sensibilidade e beleza, fráxil. O filme proxectouse en NUMAX e contou coa presentación de Ana Estévez e Xosé Carlos Sierra, anterior director do Museo Etnolóxico de Ribadavia.
Xosé Carlos Sierra falou da rexión de Tràs-os-montes como un territorio moi achegado a nós, á zona sudoriental da provincia de Ourense. "Un territorio co que se foron construíndo enormes analoxías e semellanzas", apuntou Sierra. Doutra banda, na presentación destacouse que esta filmación ten se cadra hoxe máis actualidade que no momento no que se fixo: "a noción de fronteira, unha noción política e moral no sentido que nos sentimos máis preto ao veciño que non coñecemos que á realidade que nos goberna" dixo o anterior director do Museo Etnolóxico de Ribadavia.
"UNHA ESPECIE DE BRÉTEMA ELEXÍACA"
Pedro Costa, Joao Cesar Monteiro e Joao Pedro Rodrigues teñen calificado a Tràs-os-montes como: breve, radical, poética, popular, decisiva. Chave na identidade do cinema portugués contemporáneo. E é que a través desta especie de "brétema elexíaca" subxace "un sustrato de todo aquelo que se conta, un fío que sí se pode sacar do visionado", segundo Sierra.
A película tende a inscribirse dentro do chamado Novo Cinema Portugués, movemento que militaba nas marxes tanto polos instrumentos de produción que usaba como pola ruptura con estándares fílmicos do momento.
Así, a acción sitúase no punto xeográfico máis alonxado da capital portuguesa. Despois da Ditadura de Salazar, a ditadura europea máis lonxeva do século XX. Despois de e grazas á Revolución dos Caravéis o 25 de abril de 1974. Mais a acción non se sitúa nas urbes porque captar as turbulencias político- sociais da cidade non é o que interesa, o que interesa é captar a súa incidencia no medio rural. Había que percorrer en sentido contrario a inmigración interior que desfiguraba o país, traballar sobre a estrutura material e mítica dunha rexión remota.
Unha elexía a un pobo que desaparece, a fuxida, a perda, a anulación: "a pedra de raio, a pomba branca e a pomba preta, as ovellas brancas e as ovellas negras reprensentan as esperanzas e temores dunha vida inasumible sen o conforto e a afouteza moral que proporciona o folclore" en palabras de Sierra.
Se cadra por iso, nunha parte do filme, a voz narrativa quéixase do duro que é ser gobernados por leis que non coñecemos, que pode que nin tan sequera existan. Xesto revolucionario dun filme que suxire unha certa provocación: os novos gobernantes democráticos deben comprender a dialéctica entre a riqueza estética e a pobreza material das formas de vida dun pobo se queren falar no seu nome.
"SANTIAGO É UNHA CIDADE PRIVILEXIADA"
A directora do MICE, Ana Estévez, manifestou o seu entusiasmo pola gran cantidade de iniciativas cinematográficas que hai na cidade: "Hai moitas vilas nas que sí que é difícil acceder a cinema comercial e non comercial. Santiago, en cambio, conta con Numax, Curtocircuíto, Cineuropa, MICE, Cineclube". Existen gran cantidade de iniciativas que segundo a directora deben contar con máis publicidade, apoio e difusión.
Doutra banda, tamén quixo concretar que tendemos a asociar a etnografía co rural e as tradicións ancestrais, mentres que a Etnografía é un método que estuda novos grupos sociais e responde polo tanto ao mundo globalizado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.