Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2018 | Actualizada ás 17:00
A morte de toda a fauna piscícola do Río Barbaña no 2009 será xulgada agora, o vindeiro martes 10 de xullo. Tras 75 denuncias ante as Administracións, nove anos de espera. Un xuízo que sae adiante pola persistencia das asociacións veciñais de San Pedro de Seixalvo, Ponte Noalla e a Asociación Barbaña, xunto coa Plataforma Ríos Limpos. Nove anos agardando respostas que, segundo sinala a Plataforma, conlevaron invertir cartos "do seu propio patrimonio".
E reclaman estas asociacións que non só non se deron solucións até o de agora, senón que a situación empeorou na actualidade: os 5.000 litros de aceite verquidos recentemente ao Rio Barbaña e que levan tres semanas tentando limpar. "A esto engadir que non ten pasado mes que no se detecte un novo verquido ou atentado ecolóxico e os outros ríos da nosa provincia", apuntan dende a Plataforma. O Támega, aseguran, leva enlodado varias semanas; o encoro das Conchas, envenenado de cianobacterias.
Estas asociacións, xunto coa Plataforma Rios Limpos, van a levar adiante unha serie de accións para que, con motivo deste xuizo, se visualizase o malestar e o desacordo da sociedade de Ourense coa xestión e administración da vixiancia e coidados das concas fluviais.
Así, reclaman o cese inmediato do responsable da Confederación Hidrográfica "pola súa incompetente e nefasta xestión ao longo do seu mandato" e denuncian que "o estado dos recursos hídricos, das concas hidrográficas e en definitiva da auga da nosa provincia mostra un progresivo e galopante empeoramento e son un desgraciado exemplo do fracaso dunha xestión que di que somos unha provincia lider no Turismo Termal".
CHAMAMENTO Á MOBILIZACIÓN
A Plataforma Rios Limpos, xunto coas asociacións veciñais de Ourense, fan un chamamento a todos os estamentos sociais, políticos e veciñais. Esixen que se faga xustiza, que se persiga e condene aos contaminadores e aos responsables de que os verquidos contaminantes cheguen as augas: "estase a cometer un crimen contra a natureza, contra nós mesmos e, según dí o Papa Francisco, un pecado contra Deus". Deste xeito, chaman á mobilización da cidadanía nas portas do xulgado para dar voz e visibilidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.