Por Galicia Confidencial | Padrón | 14/07/2018 | Actualizada ás 10:30
A información en galego e a información comarcal e local tamén se fará notar en 'Abride a Fiestra', o festival organizado en Padrón pola Fundación Rosalía de Castro e que pretende ser toda unha gran homenaxe a cultura e a lingua do país. Galicia Confidencial, e os distintos xornais de Galicia que foron saíndo nos últimos meses; Xornal de Vigo, Xornal da Mariña, Xornal de Lemos e Lugo Xornal estarán moi presentes no festival. Será o vindeiro domingo, diante da casa museo de Rosalía. Alí haberá un posto con información de todos estes xornais.
GALICIA CONFIDENCIAL
Galicia Confidencial (www.galiciaconfidencial.gal) é o xornal en lingua galega con máis audiencia da Internet e un dos xornais electrónicos máis lidos en Galicia. É, ademais, o e-diario decano da rensa en galego, pois leva en liña ininterrumpidamente dende 2003.
Os casos de corrupción da política galega, as vagas incendiarias, o proceso catalán, catástrofes como o accidente de Angrois ou Prestige, ademais dunha aposta pola información independente e plural, sen ataduras a ningún partido partido político, sindicato, lobby, subvencións públicas ou capital privado, fan do GC un dos medios que máis creceu nos últimos anos.
XORNAIS DE GALICIA
En maio de 2018, GC puxo en marcha edicións locais e comarcais en colaboración con outr@s profesionais dos medios de comunicación. Desa colaboración xurdiron distintos xornais; www.xornaldevigo.gal, www.lugoxornal.gal,www.xornaldamariña.gal e www.xornaldelemos.gal.
Xornal de Vigo naceu o 2 de maio de 2018 e é o primeiro gran xornal dixital en galego de Vigo e a súa área metropolitana. Centrado na principal urbe galega, tenta abordar a actualidade política, económica, cultural, deportiva e social de todo o sur de Pontevedra e quere dar voz aos pequenos concellos das comarcas do Val Miñor, Baixo Miño, O Morrazo, A Louriña e o Condado Paradanta.
LugoXornal, Xornal de Lemos e Xornal da Mariña, que botaron a andar no Día das Letras Galegas, abordan a actualidade política, económica, cultural, deportiva e social de todas as comarcas da provincia. Nacen co obxectivo de darlle voz a eses concellos do interior para que teñan máis vida, máis economía e máis dinamismo social, porque Galicia tamén é o interior, non só fachada Atlántica. Prestan especial atención aos movementos sociais, ao medio ambiente e ao patrimonio.
Estes xornais son os primeiros medios en internet desde a época do precursor Vieiros en informar en galego sobre o que acontece nas zonas galegofalantes do Bierzo e do occidente de Asturias, espazos culturais, sociais e económicos que sempre tiveron relación con Galicia e, especialmente, coa provincia de Lugo.
O FESTIVAL
O festival ‘Abride a Fiestra’, que ten lugar estes 14 e 15 de xullo, acollerá diferentes manifestacións culturais tendo a Rosalía como figura central. Entre os protagonistas da fin de semana temos a Mercedes Peón, Habelas Hainas, Najla Shami, a proposta musico-poética Cintaadhesiva, a pianista Margarita Viso e a Coral Padronesa.
Alén de propostas musicais, o sábado 14 de xullo terá lugar a Inchadiña Branca Vela, a xa tradicional subida en dorna de Valga a Padrón (haberá varios tipos de embarcacións tradicionais: dornas, galeóns, gamelas, bucetas, botes e gamelas), organizada en colaboración coa Asociación Cultural Dorna da Illa da Arousa. E, pola noite, concerto do grupo Habelas Hainas.
O día grande será o 15 de xullo, data do pasamento de Rosalía de Castro, que se celebrará cunha xornada de portas abertas titulada “Rosalía en Festa” na Casa-Museo, na que ademais de actuacións musicais e unha feira con produtos rosalianos, haberá visitas guiadas por personaxes coñecidos ou especialistas, como a propia Mercedes Peón, o deseñador Pepe Barro -experto nas imaxes rosalianas-, o académico Xosé Luís Axeitos, os profesores Pilar García Negro e Manuel Lorenzo Baleirón ou o estudoso da horta rosaliana, Carlos Dacal.
Outro dos atractivos é a proxección do filme “Pelerinaxe lírica aos lugares rosalianos” (1951) comentada por Xosé Manuel Beiras, que estivo presente naquela xornada histórica para o galeguismo despois da Guerra Civil.
Tamén haberá oferta para toda a familia, con contidos para os máis pequenos da casa: dúas sesións dun espectáculo de monicreques titulado “A viaxe de Rosalía”, de Larraitz Urruzola; e unha visita guiada especial para as crianzas protagonizada pola propia Rosalía (a actriz Mónica Caamaño), acompañada polo músico José Luís do Pico Orjais, que tamén estarán presentes ao longo do día en todo o festival.
Non faltará poesía, por suposto, na Casa da Matanza, cun recital poético a cargo de Ana Blanco, Ismael Ramos, Paula Antía Rei e Cinta Adhesiva (espectáculo poético-musical), alén da presentación do Libro Escolar de Poesía que publicamos anualmente cos gañadores do Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro que organizamos con El Corte Inglés.
E tampouco faltará improvisación oral, da man da regueifeira (e cantora) Alba María, e dunha das figuras emerxentes do xénero en Galicia, Xairo d’Herbón, fillo doutra referencia, Pinto d’Herbón.
O festival está organizado pola Fundación Rosalía de Castro, e apoiado polo Concello de Padrón, a Deputación de Pontevedra e a Consellaría de Cultura e Educación. Tamén patrocinan o vermú Petroni e as adegas Paco & Lola. Colaboran o Concello de Rois e o de Santiago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.