Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/07/2018 | Actualizada ás 12:09
A suposta “neutralidade” de Feijóo está tensionando a campaña para elixir futuro líder do PP. A candidata Soraya Saénz de Santamaría, asegurou este xoves que "non lle consta" que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, se teña pronunciado en dar o apoio a unha das candidaturas e defendeu a "liberdade" dos compromisarios galegos á hora de decidir ao substituto de Mariano Rajoy.
Así o expresou nunha entrevista en Onda Cero, recollida por Europa Press, a un día de que se inicie o XIX Congreso extraordinario do partido. Nas últimas horas, na rede social Twitter sucedéronse as manifestacións de diferentes cargos do PPdeG para mostrar as súas preferencias para o conclave do 20 e o 21 de xullo.
Entre os apoios expresos que obtivo Soraya Sáez de Santamaría figuran o do presidente provincial do PP en Ourense, José Manuel Baltar, e o de Pilar Rojo, deputada no Congreso e expresidenta do Parlamento galego. Pola súa banda, o presidente do PP da Coruña, Diego Calvo, apoia expresamente a Casado.
En termos xerais, a exvicepresidenta aseverou que conta con "un colchón" do 15% de vantaxe dos compromisarios sobre o outro aspirante, Pablo Casado, e asegurou que seguirá en política "pase o que pase". Na súa entrevista en Onda Cero afirmou que o seu equipo falou con cada un dos compromisarios. "Teño a un senador dedicado a iso, que lle chamo 'o contador' e que cada día o vemos tranquilo e riseiro", afirmou.
A exvicepresidenta explicou que, aínda que é "precavida", houbo detrás un traballo "moi profesional" por parte do seu equipo, que se dedicou a falar con todo o mundo e é por iso polo que defendeu que os datos "non se poden valorar polo que aparecen nas redes sociais". Neste sentido, Santamaría vese coa "lexitimidade" que dá o voto do afiliado, aínda que recoñeceu que a decisión do compromisario non ten por que ser a mesma que a da militancia, considera que os compromisarios "son moi sensibles ao que decidiu o afiliado".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.