Feijóo agradece a Casado que o poña como “modelo” do PP pero evita apoialo publicamente

Sobre a proposta do vicesecretario de Comunicación popular para que asuma un papel relevante no PP, asegura que abre a porta a dedicar máis "horas" ao partido en España, sen que prexudique a Galicia.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 19/07/2018 | Actualizada ás 15:17

Comparte esta noticia

“Agradezo as declaracións de Casado porque o que ve é que o modelo do PP de Galicia pode ser un modelo para o PP do conxunto de España e que a forma de traballar da Xunta tamén se pode levar a España”. Foi a resposta do presidente da Xunta á proposta de Pablo Casado de “darlle un papel relevante” no PP se triunfa a súa candidatura. Unha oferta que chega nun momento delicado para Feijóo que, a pesar da oferta clara dun dos candidatos populares, evitou apoialo publicamente e manter un difícil xogo de equilibrios.

Casado, Feijóo e Diego Calvo, na Coruña. Europa Press
Casado, Feijóo e Diego Calvo, na Coruña. Europa Press

“Pero non cre que esa oferta racha coa súa suposta neutralidade e o deixa a vostede nunha postura incómoda?”, preguntoulle GC a Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. “Tería que consultalo vostede con el para que lle aclare o seu posicionamento e a súa querencia por min”, respostou. 

En todo caso, o certo é que a oferta de Casado molestou ao equipo da outra aspirante, Soraya Sáenz de Santamaría, que este xoves tiña que xustificar ao ser preguntada ao respecto que, polo que ela sabía, Feijóo non se decantara por ningún dos candidatos populares. E, de feito, iso é o que fixo Feijóo ao ser preguntado ata en catro ocasións por esta cuestión, a pesar de que varios dirixentes do seu partido xa se decantaron como os presidentes provinciais de Ourense, José Manuel Baltar, e da Coruña, Diego Calvo, que apostan por Santamaría e Casado, respectivamente.

"VOTO LIBRE"

Tampouco quixo desvelar o presidente galego o resultado das consultas a estes dirixentes provinciais, a pesar de que dixera que iso o ía axudar a decantarse por un dos aspirantes. E, de novo sobre os apoios a uns e outros candidatos, pediu respectar o "voto libre" con "responsabilidade" dos compromisarios.

“Se hai algunhas persoas que manifestaron libremente a súa opinión persoal e outros que terán a súa opinión que van exercer o seu voto e non van dicir o sentido do seu voto".  Ambas son respectables. No noso partido crese na liberdade do voto e exercemolo en liberdade", resolveu, sen aclarar a cal dos dous grupos pertence.

"MÁIS HORAS AO PP DE ESPAÑA"

Con todo, e a pesar de non querer revelar as súas preferencias, o certo é que a Feijóo viuselle cómodo cando respostou pola oferta de Casado que quere contar co mandatario autonómico se lidera o partido. "A miña decisión foi dedicarme á axenda de Galicia, que é o compromiso que asumín cos galegos. Se renunciei a ser candidato ao PP de España, comprenderá que foi para dedicarme a ser presidente de Galicia. Se podo colaborar en maiores horas de dedicación ao PP en España? Irémolo vendo", contestou ao ser preguntado pola posibilidade de compatibilizar axenda institucional coa do partido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 SanchezDio

Modelo coma nos non hai outro. Valeiramos plantas dos hospitales de xente en paliativos para atender o pai do señor Rajoy....votemos a casado.