O PPdeG afronta dividido a elección do seu líder en España co rexurdimento das boinas e dos birretes

Pontevedra e A Coruña apoian a Casado, mentres que Lugo e Ourense decántanse por Santamaría. Feijóo insiste na súa neutralidade aínda que o todo o círculo máis afín apoia abertamente a Casado.

Por Xurxo Salgado | Santiago de Compostela | 20/07/2018 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

Facía anos que o PP de Galicia non vivía unha contenda interna a cara de can como a que se está vivindo nas últimas semanas no conxunto do Partido Popular para elixir o seu futuro líder tras a marcha de Mariano Rajoy. A última gran batalla dentro do PPdeG data de 2013, tras o afundimento do Prestige e a chegada a Galicia de Feijóo da man de Romay Beccaría e da cúpula do PP de Madrid.

Entón, venceu o sector dos “birrete”, en alusión aos dirixentes populares das cidades, fronte aos da boina, que entón representaban Cacharro Pardo en Lugo e José Luis Baltar en Ourense. Unha ferida interna que nunca se pechou, a pesar do poder dos “urbanitas” dentro do PP e que se reactivou co proceso sucesorio de Rajoy.

Precisamente, e tal e como aconteceu hai quince anos, o sector do birrete mantense unido no seu apoio a Pablo Casado, que representa un PP máis escorado a dereita e que quere volver aos principios do aznarismo, mentres que os da boina aposta máis por Sáenz de Santamaría que non quere escorarse tanto á dereita e recuperar o espazo de centro dereita que Ciudadanos estalle roubando ao PP.

No sector dos birrete están os presidentes do PP da Coruña, Diego Calvo, e de Pontevedra, Alfonso Rueda, fronte aos da boina, representados polo presidente provincial do PP de Ourense, José Manuel Baltar, e o voceiro do PP no Senado, José Manuel Barreiro, ex presidente do PP de Lugo.

Mantense calada a actual presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, aínda que boa parte dos dirixentes da provincia manifestaron o seu apoio por Santamaría, agás dirixentes próximos a Feijóo que o fixeron por Casado.

Soraya Sáenz de Santamaría con Baltar en Ourense
Soraya Sáenz de Santamaría con Baltar en Ourense

FEIJÓO CALADO PERO OS SEUS APOIAN A CASADO

E no medio dos dous sectores, Feijóo. O presidente da Xunta afirmou que a decisión de a quen apoiará na pugna por suceder a Mariano Rajoy está "tomada", pero dixo que non a desvelará "por coherencia" e para "non influenciar" no proceso do que sairá o novo líder do PP.  "Dado que non me presentei, non tería moito sentido que me presentase a través doutro candidato", volveu repetir este venres.

Aínda que Feijóo non confirmará publicamente a que candidato apoia, cargos do PPdeG próximos a el si recoñeceron publicamente a súa aposta por Pablo Casado. De feito, o actual líder do PPdeG chegou a Galicia da man do sector que agora apoia ao vicesecretario de Comunicación do PP que tamén apoia Cospedal. Os dous candidatos populares ofrecéronlle a Feijóo un posto no partido se eran elixidos líderes do partido. O último, Casado, hai uns días. Unha proposta que o propio Feijóo dixo que lle honraba.

E RAJOY?

Aínda que o ex presidente do Goberno español mantén silencio durante todo o proceso, o certo é que chamou a atención o posicionamento público da ex presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo, unha muller que é do círculo de amistades íntima de Mariano Rajoy.  Tampouco Ana Pastor, outra das dirixentes co peso no PP  amiga do ex líder popular, se posicionou aínda a favor dun ou doutro candidato, aínda que os seus máis achegados apoian a Santamaría.

Pablo Casado e Feijóo
Pablo Casado e Feijóo
Soraya Sáenz de Santamaría e Pablo Casado
Soraya Sáenz de Santamaría e Pablo Casado | Fonte: PP de Madrid.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

a quén lle importa toda esta leria dos birretes e das boinas do PP ? a min o que me interesan son os birretes e as boinas de En Marea !!! e moi especialmente saber onde se agochan os de PodemosGalicia ? Case pediría a GC que pescudara polo miudo este verán para coñecer das boinas e dos birretes de GALICIA !!!