Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/07/2018 | Actualizada ás 14:57
O 27 de xullo terá lugar a eclipse total de Lúa máis duradeira deste século. Ese día, o noso satélite sairá sobre as 21:30 horas xa completamente eclipsada (fase de totalidade). O medio da eclipse producirase ás 22:22 horas, e a partir dese momento terá lugar a segunda parte do fenómeno: o comezo da fase parcial ás 23:13 horas, o comezo da fase penumbral ás 00:19 e o remate da eclipse á 01:29 horas, informa a Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Durante a fase de totalidade, a Lúa non chega a desaparecer de todo “xa que os raios do Sol tanxentes á Terra son refractados pola nosa atmosfera curvándoos e facéndoos incidir sobre a Lúa eclipsada”, explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo Durántez. Por iso a Lúa aparece con tonalidades vermellas ou ocres, dependendo do contido de po da atmosfera.
Sobre as condicións de observación, o profesor da USC informa de que non se precisa ningún tipo de protección ocular para seguir as eclipses lunares, podéndose facer a simple vista. Iso si, recomenda facelo desde lugares que teñan o sureste do horizonte despexado para podela ver no seu orto e advirte de que “unha ilusión óptica fará que a vexamos máis grande canto máis baixa estea”.
O Observatorio Astronómico Ramón María Aller, dentro do seu programa de divulgación TodoCosmos, vai facer dúas observacións públicas, unha desde o cumio do Pico Sacro (Boqueixón) e outra no paseo marítimo de Silgar en Sanxenxo.
O FENÓMENO
Dado que a órbita que describe a Lúa en torno á Terra é unha elipse, co noso planeta nun foco dela, a distancia entre as dúas é variable. É máxima no apoxeo (aproximadamente 406.000 quilómetros) e mínima no perixeo (358.000 qm). Por outra banda, debido á luz emitida polo Sol, a Terra forma un cono de sombra definido polas tanxentes exteriores aos discos destes dous astros. Xa se temos en conta as tanxentes interiores, fórmase outro cono chamado de penumbra que, ao contrario do anterior, se vai abrindo ao afastarse da Terra.
Cando se produce unha eclipse total de Lúa, o satélite penetra primeiramente no cono de penumbra (fase penumbral) e logo vai entrando no de sombra (fase parcial), para chegar a meterse completamente neste último (fase de totalidade). Posteriormente, seguindo un proceso inverso, na súa segunda parte a eclipse vai pasando sucesivamente polas mesmas fases ata rematar saíndo no cono de penumbra.
Na duración da eclipse inflúen fundamentalmente dous factores: o tamaño aparente da Lúa e o camiño que esta leve ao atravesar os conos citados. Así, se a Lúa está preto do seu apoxeo, estará o máis lonxe posible da Terra e por iso verase máis pequena. Consecuentemente, tardará máis no seu tránsito polos conos de penumbra e sombra. Ademais, se se despraza polas proximidades dos centros dos conos, terá mais camiño que percorrer na eclipse e tamén por iso a súa duración será maior.
“Ambas as dúas cousas van suceder o día 27, e por iso a duración desta eclipse total de Lúa será a maior neste século”, explica o catedrático de Astronomía José Ángel Docobo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.