Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2018 | Actualizada ás 20:50
O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) desestimou a demanda interposta por Laureano Oubiña contra Carmen Avendaño por un presunto delito contra a honra e absolve á presidenta da asociación Érguete de "todas as pretensións" do demandante.
O procedemento xudicial iniciouse por mor dunhas declaracións radiofónicas realizadas por Avendaño, en xullo de 2017, a poucos días de que Oubiña obtivera a liberdade condicional. A presidenta da Asociación e Fundación Érguete declarou que "tamén traficou con outro tipo de drogas... pero bo...", en referencia ao demandante.
"Á vista da locución, non estamos directamente ante unha expresión de carácter inxurioso, denigrante ou vexatorio por si mesma", argumenta o titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución 2 de Vilagarcía. Os feitos sucederon tras a saída de Oubiña de prisión tras cumprir condena por delitos contra a saúde pública.O demandante defendía que danara o seu dereito á honra porque fora sentenciado por traficar con haxix ou cannabis, pero non con outro tipo de drogas.
O Xuíz considera na súa sentenza, na que destaca que tanto o demandante como a demandada ostentan a condición de "persoa pública", que prevalece o dereito á liberdade de expresión da presidenta da Asociación e Fundación Érguete-Vigo sobre o dereito á honra. A "relevancia pública das dúas partes, unido a que as manifestacións obxecto de análises están relacionadas con feitos que tiveron gran transcendencia e relevancia social, fai que os parámetros de valoración oscilen á hora de determinar que dereito debe prevalecer", recolle a sentenza.
Así, precisa que "o manifestado non alcanza a suficiente relevancia nin reviste da entidade necesaria para que a súa liberdade de expresión deba ceder en favor do dereito á honra" de Oubiña, e "iso apoiado na circunstancia de persona pública que ostenta o demandante, coa restrición que supón ao seu dereito á honra, e por ser o obxecto da expresión combatida derivada de feitos de gran relevancia pública". A sentenza non é firme e pode impugnarse mediante recurso de apelación ante a Audiencia Provincial de Pontevedra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.