Reconstrúen 50.000 anos de evolución do clima en Galicia e toda a rexión mediterránea

Científicos da Universidade de Santiago participan nun traballo internacional que describe a distribución e evolución do 'permafrost' no sur de Europa e norte de África, diferenciando cinco períodos de tempo: última glaciación, desglaciación, Holoceno, Pequena Idade de Xeo e o presente.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/07/2018 | Actualizada ás 12:41

Comparte esta noticia

A prestixiosa revista Earth-Science Reviews acaba de publicar o artigo 'Permafrost conditions in the Mediterranean region since the Last Glaciation', asinado por un equipo internacional con participación galega, no que se estuda a distribución e evolución do permafrost na rexión mediterránea diferenciando cinco períodos de tempo: última glaciación, desglaciación, Holoceno, Pequena Idade de Xeo e o presente actual. Son, en total, máis de 50.000 anos de historia reconstruída a partires de formas e depósitos fósiles.

Paisaxe nevada nos Ancares
Paisaxe nevada nos Ancares | Fonte: Miguel Núñez.

“Traballos como este permiten coñecer mellor a evolución do clima da Terra”, explica o catedrático de Xeografía Augusto Pérez Alberti, un dos autores do estudo xunto co tamén investigador da Universidade de Santiago (USC) Marcos Valcárcel Díaz. Na redacción do artigo participaron tamén especialistas de Eslovenia, Italia, Reino Unido, Turquía, Portugal, Francia, Romanía e España, informa a USC.

As actuais condicións climáticas relativamente quentes que dominan hoxe na rexión mediterránea reducen os procesos xeomorfolóxicos fríos só ás áreas  montañosas máis altas.  Non obstante, non sempre foi así. Durante o Pleistoceno Tardío e o Holoceno os procesos fríos, os chamados procesos glaciares (asociados á presenza de linguas de xeo) ou periglaciares (que favorecía a existencia de solos xeados, coñecido como permafrost), dominaron en moitas montañas, dende Anatolia ata o Noroeste da Península Ibérica. 

Grazas a este estudo, agora pode saberse que o límite de elevación do permafrost durante a última glaciación, que se iniciaría hai máis de 50.000 anos, se situou entre 1.000 metros e mesmo nalgúns lugares 2.000 por baixo das cotas actuais. Ademais, os solos xeados afectaron as abas que non estaban cubertas de xeo por riba da liña de neves permanentes. Nestes lugares xeráronse glaciares rochosos, a modo de linguas de pedra que descendían aba abaixo, ou campos de bloques que cubrían os cumes dalgunhas montañas. 

Posteriormente, arredor de hai uns 20.000 anos, as condicións moi frías propiciaron a xénese de novos solos xeados, nalgúns lugares a baixa altitude. Moitos glaciares rochosos e ríos de pedra son desta época. É o caso dos que se poden ollar nos cumes de Ancares ou dos campos de bloques de Manzaneda, Trevinca, O Courel ou o Pedregal de Irimia, onde se sitúa una das fontes do Miño.

“O feito de que se puideran xerar tales acumulacións de bloques indica que habería polo menos unha temperatura media anual  de -2º, que no caso das montañas galegas foi moito máis baixa, chegando a acadar os -9º nas cumes máis altas das Serras Orientais”, matiza Pérez-Alberti.

Despois dunha fase de requecemento, o clima volveu arrefriar hai uns 11.000 anos, na fase nomeada Younger Dryas, o que favoreceu o avance dos glaciares e dos solos xeados. “Tamén en Galicia aparecen vestixios diso”, aclara o profesor da USC. 

O estudo demostra tamén que non é probable que as temperaturas do ar rexistradas nas montañas mediterráneas durante o Holoceno, que comezou hai uns 10.000 anos, favorecera a existencia de réximes xeneralizados de permafrost, coa única excepción dos cumes dos macizos superiores a 2.500-3.000 metros, agás durante a Pequena Idade de Xeo (de comezos de século XIV ata mediados do XIX), cando o clima máis frío promoveu o reavance glaciar nas montañas máis altas e a expansión espacial dos solos xeados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 nosso_mar_é_atlántico

Interessante. É perfeitamente normal os cientistas galegos participarem em estudos sobre o sul da Europa, norte da África, regiom mediterrânea ou qualquer parte do mundo. A Galiza é sem dúvida parte do sul da Europa, mas com que critério é que se considera como pertencente à "rexión mediterránea" ?