Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/08/2018 | Actualizada ás 18:54
Máis de 20.000 persoas visitaron xa o Pórtico da Gloria desde a súa apertura no pasado mes de xullo e durante a primeira fase do plan de ordenación de visitas deseñado polo Cabido da Catedral en colaboración coa Xunta, que se estenderá até finais de setembro. Segundo explicou o Executivo autonómico, no marco deste acordo, Turismo de Galicia fai posible que se dispoña dun equipo permanente de vixiantes de seguridade en todo o horario de apertura, que se encarga de regular os fluxos de visitantes.
Todo iso, indicou o departamento que dirixe Nava Castro, co compromiso "social e institucional" de garantir a súa "completa salvagarda, boa xestión e óptima conservación". Deste xeito, os grupos, cun máximo de 25 persoas, acceden gratuitamente e por orde de chegada desde as 8,00 ás 22,00 horas, sendo o último acceso ás 21,45 horas. O tempo máximo de visita é de 15 minutos.
Precisamente, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, supervisou este venres as melloras realizadas nos accesos ao Pórtico da Gloria, cunha instalación que incrementa a ordenación das quendas de entrada e, ao mesmo tempo, contribúe á promoción doutros destinos da Comunidade.
INVOCACIÓN AO APÓSTOLO
Por outra banda, tamén este venres, a titular de Turismo de Galicia realizou a invocación ao Apóstolo na misa do peregrino celebrada na Catedral de Santiago, en representación dos participantes na IX Ruta Marítima O Cabaleiro das Cunchas, que terminaron este venres o seu percorrido. Na súa intervención, Nava Castro pediu que a Catedral de Santiago non perda os valores de "a paz, a convivencia e a liberdade" nas que se basea e subliñou que é "un dos lugares fundacionais" da "identidade europea".
A travesía, composta por navegantes de Galicia e Portugal, foi impulsada pola Fundación Traslatio e seguiu as costas atlánticas da Península Ibérica, segundo explicou a directora. Na súa intervención, lembrou que o Camiño de Santiago é un "fenómeno mundial que acolle a miles de peregrinos que percorren os itinerarios xacobeos movidos pola ilusión de terminar a súa peregrinación nesta catedral". Ademais, pediu ao apóstolo que protexa aos peregrinos "que se atopan nas diversas rutas do seu percorrido", así como "os valores ligados á espiritualidade, á acollida e á hospitalidade".
Así mesmo, o Arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio, quen oficiou a misa, aceptou a ofrenda desta ruta para pola no altar co patrocinio do apóstolo. Así mesmo, coincidiu coa directora e subliñou o seu desexo de conseguir "unha sociedade máis fraterna, máis solidaria e máis hospitalaria", para recuperar "esa convivencia cada día máis desexada, no medio dunha sociedade un tanto desasosegada, que certamente vai moi rápido".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.