Os efectos do parque eólico en Mouriños, enclave paisaxístico e patrimonial

En Marea critica que o modelo eólico desenvolto en Galicia "non serve para dinamizar a economía do rural, fai prevalecer o descoido ambiental e paisaxístico e só permite un gran negocio para as empresas que pouco ou nada deixa na economía local".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/08/2018 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático vén de formular favorablemente a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque eólico de Mouriños, ubicado nos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas, nun "enclave de gran valor paisaxístico e patrimonial". Como resposta, En Marea asegura que este é "o exemplo perfecto dun modelo pensado para beneficio das grandes eléctricas, alleo ao desenvolvemento económico local, mesmo contraproducente, que non pagará nin un euro de canon eólico". E recorda, así mesmo, que Galicia é a que paga "a factura máis cara da luz de todo o Estado". 

Parque eólico de Iberdrola en EEUU
Parque eólico de Iberdrola en EEUU

Segundo a empresa promotora, Renovables de Aragón SLU, unha filial da antiga Gas Natural-Fenosa, os parques eólicos “aproveitan unha das vantaxes territoriais de Galicia, o vento, para o seu desenvolvemento e para mellorar a calidade de vida das zonas rurais". Pola contra, dende En Marea aseguran que "esta contorna ten un enorme potencial turístico polas súas condicions naturais e pola súa paisaxe, e polo tanto pasar a ser unha zona vetada para a implantación de parques". Indican tamén que o proxecto afecta á fauna, e especialmente a unha especie en perigo de extinción: a escribenta das canaveiras, e creará pouco emprego.

Se ben a Dirección Xeral do Patrimonio Natural indica que a zona onde se localiza o proxecto non ostenta ningunha figura autonómica ou estatal de protección de espazos naturais. Con todo, na proximidade do parque eólico atópanse os seguintes espazos con figuras de protección: Zona especial de conservación “Costa da Morte” , Zona de especial protección dos valores naturais “Costa da Morte”, e Zona de especial protección para as aves “Costa da Morte (Norte)”. Ademais, os puntos de interese turístico son o Castro de Borneiro ao oeste do parque eólico, o Dolmen de Dombate ao leste e Torres do Allo ao sureste.

A Axencia de Turismo de Galicia indica que os impactos máis importantes terán lugar na fase de explotación e, ao seu xuízo, no medio socieconómico ao tratarse dunha zona cun claro destino turístico e rural. O catálogo tamén identifica unha serie de miradoiros que serán afectados pola actuación: o do Monte Branco e o do Alto da Fernandiña, este último situado dentro da área de aproveitamento do parque eólico. 

A declaración de utilidade pública outorgada sistematicamente por riba doutros usos, como o agrario, forestal ou turístico, e a declaración de proxecto de especial interese, que acurta os prazos á metade, son dous instrumentos que favorecen ás grandes empresas que se adican á producción eólica, considera En Marea. Por todo isto, critican que o modelo eólico desenvolto en Galicia "non serve para dinamizar a economía do rural, prevalece o descoido ambiental e paisaxístico e só permite un gran negocio para as empresas que pouco ou nada deixa na economía local".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta