San Sadurniño convértese no epicentro do cine independente

O V encontro audiovisual Chanfaina Lab xa está aquí. 32 creadoras chegan a San Sadurniño para filmar curtametraxes que teñen como protagonistas o territorio do concello e a veciñanza do lugar.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/08/2018 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

32 creadoras e creadores únense ao V encontro audiovisual Chanfaina Lab que arranca este venres no concello de San Sadurniño. O proxecto naceu no 2014 como foro creativo onde se producen pezas de todo tipo - ficción, documental, experimental... - sempre baixo o común denominador de estar filmadas en San Sadurniño. Nesta nova cita, e como é habitual, visitarán o concello figuras destacadas ou cunha longa traxectoria fílmica que compartirán escenarios con valores emerxentes e persoas sen experiencia previa pero coas mesmas ganas de contar a través imaxe.

San Sadurniño
San Sadurniño | Fonte: Rías Altas

Os resultados fílmicos teñen sempre como protagoista o territorio e as historias que atesoura agardando ser contadas dende calquera punto de vista. Pero ademais, o Chanfaina Lab volve ofertar este ano obradoiros abertos ao público e proxeccións tanto o venres coma o sábado. Un dos pratos fortes será o filme "Dhogs", de Andrés Goteira, que el mesmo comentará coa veciñanza de San Sadurniño. Así pois, Goteira é un deses grandes valores do audiovisual galego que participará na presente edición do encontro coa encomenda de producir unha peza breve sobre calquera aspecto de San Sadurniño.  

Mais non é o único. Os outros nomes confirmados para esta edición son os de Margarita Ledo, Aser Álvarez, Abel Vega, as youtubeiras de Teño unha horta en San Sadurniño - Carmen Bouza, Carmen Couce, Cruz Piñón, Consuelo Picos e Lucía Pita-; Adrián Canoura, Ángela Arnosa, Javier Seoane, Kevin Lorenzo, Bieito Beceiro, Catalina Rodríguez, Cibrán Tenreiro, Helena Girón, Fran Bermúdez, Iago Lourido, Irene Beceiro, Lucía Estevez, Mar Catarina, o triunvirato The Sun Girls -Mónica Cibreiro, Graciela Galdo e Olga López-, Natalia Fernández, Pablo Martínez, Rubén Domínguez, Samuel M. Delgado, Sebastián Rodríguez, Simone Saibene e, planeando sobre todos eles, o fotógrafo Gabriel Tizón, que volverá roubar intres de todas as rodaxes do sábado e do domingo.

Algo do que fai especial este encontro audiovisual son as pezas fílmicas que saen del. Parte dos realizadores e realizadoras chegan a San Sadurniño sen saber o que van atopar nin que historias contar, de aí que xa se lles facilite con tempo de adianto suficiente a referencia a este proxecto web colaborativo, onde hai un milleiro de contidos entre documentación histórica, descricións da paisaxe e arquivos visuais e sonoros que poden servirlles de inspiración ou para apuntalar unha produción que ha de desenvolverse no tempo récord de tan só dous días.

OBRADOIROS E PROXECCIÓNS

Malia que os creadores e creadoras se reunirán á tardiña do venres, a actividade no Chanfaina Lab comezará xa pola mañá cun obradoiro titulado "Introdución ao son, a gravación e a interpretación do espazo sonoro local". Impartirao o experto Carlos Suárez na Aula CeMIT entre as 10 e as 14.00h. e das 16 ás 18.00h. Logo, a Casa da Cultura acollerá a partir das 20.30h. a Eira de Cineastas, unha escolma de pezas de todos os creadores e creadoras convidados que, antes de nada, resumirán a súa traxectoria audiovisual e as ideas que teñen en mente para os seguintes dous días de gravación. 

Ao día seguinte, o apartado formativo centrarase no coñecemento da luz e da iluminación creativa. Será por medio dun obradoiro impartido polo director de fotografía Alberte Branco, baixo o título "Iluminación de andar pola casa". A sesión desenvolverase de 10 a 13.00h. e de 16 a 19.00h. Ambos os dous talleres son gratuítos e ofreceranse 15 prazas para cada un deles. 

Este mesmo día, a pantalla da Casa da Cultura volverá despregarse para ver bo cine e coñecer por onde van os tiros no audiovisual independente galego. Ás 20:30 proxectarase "Dhogs", o filme máis premiado na historia dos Mestre Mateo e unha das grandes sorpresas no festival de cinema fantástico de Sitges do ano pasado. Ao seu remate o director manterá un pequeno coloquio co público asistente para falar tanto do tema principal do filme como do seu longo proceso de xestación.

O domingo as realizadoras continuarán polo territorio gravando as súas curtas, que se estearán alá polo mes de febreiro na Casa da Cultura de San Sadurniño. A partir de aí empezará o seu percorrido semanal a través da canle en youtube do encontro e iniciarase a conta atrás para unha nova edición do Chanfaina Lab.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta