Por Galicia Confidencial | Ourense | 28/09/2018 | Actualizada ás 22:00
O Diario Oficial de Galicia publicará ao longo desta semana os anuncios do inicio do proceso de información pública dos Plans Reitores de Usos e Xestión (PRUX) dos distintos parques naturais de Galicia. Este mércores publicou xa os da Serra da Enciña da Lastra, o Complexo Dunar de corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán e do Invernadoiro, que foi duramente castigado este mes tras sufrir ata tres incendios diferentes. Nos vindeiros días irán aparecendo outros como os do parque do Xurés ou as Fragas do Eume.
Con esta medida, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio quere “actualizar” a xestión destes parques e dotalos dunha ferramenta que regule o seu uso público coa súa conservación. Así, os plans reitores de uso e xestión desenvolve, en cada caso, medidas de regulación específicas das diferentes actividades de cada parque, accións en materia de biodiversidade e precisa os criterios de zonificación e dos usos urbanísticos.
Tras fixar os seus propios criterios, a Xunta abre un prazo de alegacións, co fin de que cidadáns, entidades e administración presenten as súas propostas para aprobar un texto que Medio Ambiente quere que teña “a máxima participación e o máximo consenso”. Unhas alegacións que poderán facer na Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, nas xefaturas territoriais da consellería ou na páxina web.
Unha das novidades destes documentos é que establece un plan de emerxencias, para optimizar os recursos técnicos e humanos e minimizar as consecuencias nos distintos parques naturais. A Administración galega tamén indicará as medidas necesarias para o mantemento da paisaxe e de conservación de hábitats e especies e os usos públicos e actividades culturais, así como aquelas actividades científicas e monitorizadas para elaborar estudos específicos.
DUNAS DE CORRUBEDO
O complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán é un parque natural galego que ampara ao sistema dunar, as marismas e as lagoas do vértice occidental da costa da península do Barbanza, en Ribeira, entre a ría de Arousa e a ría de Muros e Noia. Tamén un espazo natural declarado zona especial de conservación (ZEC), unha zona de especial protección para as aves (ZEPA), un zona húmida protexida galega e un zona húmida de importancia internacional Ramsar.
O arquipélago de Sálvora, e o seu mar, así como parte do litoral de Porto do Son atópanse dentro do ZEC do Complexo húmido de Corrubedo, co que se amplía a súa área a 9.264,64 ha. Así é que a costa entre o cabo de Corrubedo e o Castro de Baroña, o mar arredor das illas de Sálvora e as lagoas de Carregal e Vixán quedan baixo a protección do parque natural e a ZEC.
Unha das principais novidades que recolle este plan reitor é a prohibición de pernoctar nos aparcamentos, tal e como veñen facendo autocaravanas nos últimos tempos. Tamén se establecerá a limitación do número de vehículos que poden acceder aos aparcadoiros de Vixán e das Dunas nas épocas de maior afluencia de público.
O INVERNADOIRO
O Parque Natural do Invernadeiro é a reserva natural que se atopa ao abrigo do Macizo Central ourensán, na súa parte sur. Está conformada polos vales dos ríos Ribeira Grande e Ribeira Pequena, afluentes do Camba. Pertencen á conca do Sil. Atópase encadrada polas serras de Queixa e Fial dás Corzas, con picos de máis de 1.600 metros.
As súas 5.722 hectáreas de extensión pertencen á comarca de Viana e lindan coas de Terra de Trives e Verín, no centro oriental da provincia. Foi declarado parque natural en xuño de 1997, sendo o cuarto da comunidade.
Como novidade, no caso do Parque Natural do Invernadeiro unifícase o número máximo de visitantes que se autorizan, alcanzando unha cota de 108 persoas ao día, e autorízase o tránsito peonil polas pistas de O Figueiro e O Rocín que permiten aos visitantes coñecer fraguas de especial beleza e antigüidade e que até agora non eran accesibles ao público. Tamén se establece unha nova zonificación, identificando unha zona de Reserva, de Uso limitado e de Uso compatible.
SERRA DA ENCIÑA DA LASTRA
O Parque da Serra da Enciña da Lastra destaca por ter unha paisaxe mediterránea, única en Galicia. A lenda conta que unha aciñeira, de grandes dimensións, servía de guía aos viaxeiros que pasaban por alí noutros tempos. Aínda hoxe, preto do cemiterio de Covas, pódese observar unha aciñeira recoñecida como árbore singular.
Cas súas 3.151,67 hectáreas de superficie, é o máis recente do seis parques naturais de Galicia. Foi declarado como tal en maio de 2002. É o cuarto en dimensión, tras o do Invernadoiro (5.722 hectáreas) e superado uns cen veces pola extensión do Parque do Xurés (30.000 hectáreas).
A nova normativa da Xunta inclúe os núcleos rurais do espazo natural, canteiras, a central eléctrica de Cornatel, a presa de Penarrubia e os viarios asfaltados, así como as grandes áreas destinadas a uso público.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.