Xacio Baño chega a 'Trote' aos cinemas con este "drama rural" que afonda na ética humana

A primeira longametraxe do director lucense exhíbese desde o venres nunha ducia de salas galegas e noutras sete do resto de España

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2018 | Actualizada ás 13:13

Comparte esta noticia

O "dilema ético" en relación ao eterno debate entre "instinto" e "razón", exemplificado na relación entre o ser humano e os cabalos, é o eixo central da primeira longametraxe do director galego Xacio Baño, 'Trote', un "drama rural" que chega este venres aos cinemas de dentro e fóra da comunidade en versión orixinal, en galego.

Fotograma da película 'Trote', de Xacio Baño. FRIDA FILMS
Fotograma da película 'Trote', de Xacio Baño. FRIDA FILMS | Fonte: Europa Press

O director presentou este xoves en Santiago a película en compañía do produtor Sergio Frade (Frida Films) e da actriz María Vázquez, que interpreta o papel protagonista. Tamén estivo presente o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, que destacou que xa en 2014 o realizador recibira unha primeira achega pública para a escritura do guión de 'Trote', na que colaborou co autor Diego Ameixeiras. Dous anos despois, Frida Films resultou tamén adxudicataria doutra achega da Agadic para colaborar na rodaxe desta película, que foi coproducida coa compañía lituana M-Films.

Tras pasar polos festivais internacionais de Lorcano, en Suíza, e de San Sebastián, 'Trote' chega este venres a unha ducia de salas comerciais de Galicia e a sete de fóra da comunidade. E faino na lingua na que foi rodada, o galego, como unha forma de exportar directamente o talento e a visión da comunidade a outros puntos do país.

Neste sentido, Xacio Baño recoñeceu que o seu maior medo á hora de dar o salto ás salas --unha experiencia nova tras a súa dedicación ás curtametraxes-- era que a aposta dos cinemas por unha cinta en galego fose escasa. "Con todo, non foi así", dixo o director, que reivindicou este proceso de apertura das salas como un "traballo conxunto" de todo o sector para "educar ao espectador" e apostar por traballos que se escapen da liña pura de "entretemento" que "adormenta" ao público, en favor de cintas que "transformen internamente" ao espectador.

Desde este venres, 'Trote' poderá verse, dentro de Galicia, na Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago, Vigo, O Barco de Valdeorras, Caldas de Reis, A Estrada, Marín, Verín e Viveiro, así como en cinemas de Madrid, Barcelona, Málaga ou País Vasco.

INSTINTO FRONTE A RAZÓN

'Trote', que foi definida polo produtor Sergio Frade como un "drama rural galego", profunda nos "dilemas éticos" do ser humano entre "o que debe facer e o que necesita facer". Unha loita entre "instinto" e "razón" que se escenifica no "ambiente opresivo" dunha aldea do interior de Galicia e que equipara a liberdade aos cabalos salvaxes da Rapa das Bestas.

Entre os elementos definitorios desta película "áspera", segundo o seu director, está o contar cun equipo artístico e técnico practicamente galego na súa totalidade, en particular en relación aos actores, onde destacan María Vázquez, Celso Bugallo, Diego Anido, Tamara Canosa ou Federico Pérez.

Durante a súa intervención na presentación, o produtor Sergio Frade reivindicou a necesidade da aposta polo traballo de distribución das longametraxes, unha cuestión "moi importante" neste ámbito. "Necesítase un apoio decidido á produción, pero tamén á distribución. Distribuír unha película é aínda máis complicado que producila", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta