Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2019 | Actualizada ás 19:23
Os concellos que denuncian falta de pediatras son cada vez máis. Agora é o Concello de Cariño (A Coruña) o que insta a Xunta a "que restableza urxentemente" o servizo de pediatría no municipio, "defendendo o interese dos veciños e atendendo ás súas protestas".
O pediatra, que, segundo explica, é compartido cos municipios de Ortigueira e Mañón, "está ausente desde o luns debido a unha baixa laboral e a súa praza non se ocupou".
Polo tanto, sinala que actualmente Cariño se atopa sen servizo de pediatría e as solucións que se achegan desde Sanidade son trasladarse ao centro de saúde de Cedeira, o que supón un longo desprazamento que non todos poden asumir, ou esperar á tarde para poder acudir ao servizo de Urxencias, o que implica que será un médico o que atenda ao cativo e non un pediatra".
O alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, mostrou a súa intención de reunir os alcaldes dos municipios afectados para "defender os intereses comarcais de xeito conxunto e conseguir que se solucione este problema e se reformule a situación actual por parte da Xunta, que de xeito evidente é insuficiente cun pediatra para tres concellos".
Alonso Pumar tamén explicou que a solución achegada por Sanidade de trasladar os nenos a Cedeira "tamén pode ser un problema a longo prazo, xa que aumentará o número de pacientes e o servizo pode verse saturado".
Ademais, recorda que esta é a segunda ocasión na que Cariño se atopa sen servizo de pediatría xa que "a finais do verán o facultativo asignado foise de vacacións e tampouco se substituíu".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.