Novo encontronazo entre a Deputación de Pontevedra e Xunta a conta do Camiño

Carmela Silva acusa á Consellería de Cultura de tentar impoñer a asistencia de Román Rodríguez de forma "deplorable e maleducada". A Xunta critica a Silva de "obstaculizar" a colaboración conxunta.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2019 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra desconvocou a reunión prevista para este mércores da Mesa do Camiño de Santiago logo de negar a súa asistencia ao conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, segundo sostén o ente provincial, ao non estar contemplado no regulamento que rexe o funcionamento desta entidade.

Carmela Silva na Mesa do Camiño. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Carmela Silva na Mesa do Camiño. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

A Xunta de Galicia previra participar este mércores na reunión da Mesa do Camiño, tal e como vén facendo habitualmente nos últimos anos a directora xeral de Turismo, Nava Castro. Con todo, a esta convocatoria decidiu asistir o titular da Consellería.

Nun comunicado, a Xunta ve esta desconvocatoria como "inesperada" ao denenegar a Deputación participar ao conselleiro de Cultura e Turismo de forma "inxustificada". Denuncia que "impide a súa asistencia a esta reunión a pesar de que o seu funcionamento permite a súa intervención dadas as súas responsabilidades".

Con todo, a presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, afirma que o regulamento que rexe o funcionamento desta Mesa do Camiño sinala como está composta e que persoas forman parte dela. "E pon, con toda claridade, que é a directora xeral de Turismo, e polo tanto non pode vir calquera á Mesa", sentenza.

CONTACTO DE FORMA "DEPLORABLE E MALEDUCADA"

"Eu non teño ningún problema en que veña este señor ou outro", afirma Carmela Silva, pero cando se puxeron en contacto de forma deplorable e maleducada" para anunciar que viría presidir" Román Rodríguez "se lles leu o regulamento" para indicar á Xunta que a participación "é nominal". "Se queren que se modifique que fagan unha proposta de modificación do regulamento", di, a cal será estudada e terá que ir ao pleno provincial para a súa aprobación.

A presidenta provincial lamentou que "en lugar de traballar conxuntamente" a Xunta "se dedica a intentar crear confrontación". Con todo, asegura que estará "encantada" de que o conselleiro queira participar na Mesa. "Aquí vai aprender moito", apostilou.

Ademais, destaca que a Deputación de Pontevedra é "a única administración de toda Galicia" que ten dúas mesas de turismo que se reúnen con periodicidade con participación activa de todos os axentes implicados.

A XUNTA EXPRESA A SÚA "INCREDULIDADE"

Pola súa banda, a Xunta transmitiu a súa "sorpresa e incredulidade" por esta decisión a través dunha carta remitida á presidenta provincial na que argumenta a "oportunidade e relevancia" desta participación e "o erro da súa decisión" polo que solicita a "reconsideración e corrección desta postura".

Así mesmo, o Goberno galego apela ao "espírito de diálogo e cooperación" co que se planea o Xacobeo 21, do que participan "a inmensa maioría" das institucións. Censura que a alusión ao regulamento por parte da Deputación de Pontevedra "ten como fin obstaculizar a normal incorporación á Mesa do conselleiro", derivada da reforma da estrutura do Goberno autonómico o pasado mes de setembro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta