Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2019 | Actualizada ás 20:42
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou na tarde deste mércores a toma de posesión do seu novo presidente, Juan Manuel Lema Rodicio, que releva no cargo a Miguel Ángel Ríos Fernández, á fronte da institución durante os últimos cinco anos.
Durante o acto, no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela, foron entregados tamén os Premios de Investigación Ernesto Viéitez a un equipo internacional liderado por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a un enxeñeiro da Universidade da Coruña (UDC).
Durante a súa intervención, Juan Lema, catedrático de Enxeñería Química da USC e académico da RAGC desde 2016, quixo recoñecer o labor do seu antecesor, Miguel Ángel Ríos. Logo de destacar que el, xunto co equipo directivo saínte, "soubo estabilizar a Academia e desenvolver un número moi salientable de iniciativas en prol da ciencia en Galicia", Lema anunciou que elevará a proposta de nomear a Ríos presidente de honra da institución.
O novo presidente subliñou que é a súa intención ampliar "ao máximo" o radio de acción da RAGC, buscando "a colaboración do maior número de entidades posible", tanto no campo da administración, como no das fundacións, os colexios profesionais, as asociacións, outras academias, o tecido empresarial ou o ámbito educativo.
Ademais, garantiu que este labor se realizará preservando "a independencia" da entidade, "un dos máis importantes activos" da Academia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.