Por Galicia Confidencial | Vigo | 25/01/2019 | Actualizada ás 17:29
O vigués Federico Ribas, grande innovador da publicidade, será o homenaxeado no Día da Ilustración, que contará cun variado programa de actividades.
Desde a súa instauración en 2014, o Día da Ilustración celébrase en Galicia cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego.
O protagonista de 2019 é Federico Ribas, célebre polas súas ilustracións para a empresa perfumeira Gal e para a conserveira Massó.
Como parte da homenaxe, realizouse un pequeno vídeo de dous minutos cunha ollada á súa vida e obra, seguindo a serie iniciada en 2017 con Álvaro Cebreiro e continuada en 2018 con Camilo Díaz Baliño.
Ademais, a Biblioteca e Arquivo de Galicia inaugurou hoxe unha mostra, titulada "Federico Ribas: As liñas da beleza", con obras, publicacións e outros documentos do ilustrador, que poderá visitarse ata o 7 de marzo na sala de exposicións da biblioteca, no complexo do monte Gaiás.
O Día da Ilustración é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia en colaboración coa AGPI.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.