Por Galicia Confidencial | Ourense | 27/01/2019 | Actualizada ás 21:40
Un enorme edificio ás beiras do Miño, en Ourense, está abandonado desde o 2012. E non é un edificio calquera, é o Centro de Interpretación dos parques naturais de Galicia que o Bipartito presentou en 2007 e que o goberno de Feijóo deixou afogar na ruína. Un abandono que contrasta coas cuantiosas cantidades que a Xunta destina ano tras ano á propaganda deses mesmos parques naturais, este ano, máis de 210.000 euros.
Fai doce anos presentábase coma "un edificio símbolo da Galicia verde, o único deste tipo en todo o país, un compendio de todos os seus ecosistemas". Pero hoxe, os ecosistemas que nel se amosan son as silveiras e arbustos que xa o comezaron a colonizar.
Orzamentado daquela en 4,7 millóns de euros, o edificio quedou abandonado logo de investir nel 2,2 millóns e sen que a Xunta de Feijóo nin os sucesivos gobernos de Madrid atoparan unha solución. "Esta obra non só é outro cadaver urbanístico máis deixado nas beiras do Miño pola crise e a burbulla inmobiliaria: funciona moi ben como imaxe simbólica do actual estado de abandono e desleixo dos espazos naturais galegos, e da miopía dos responsábeis públicos que prefiren investir en eco-mausoleos antes que en educación ambiental", denuncia a asociación Adega.
Unha situación similar tamén aconteceu co parque de interpretación das Gándaras de Budiño, no Porriño, no que se gastaron case medio millón de euros --a maioría de fondos europeos-- e nunca se chegou a inaugurar. Hoxe é un esquelete en medio da natureza.
FALTA DE PROTECCIÓN
Adega denuncia que a rede galega de espazos protexidos segue sendo a máis cativa de todas as comunidades autónomas (agás Melilla) con apenas un 12% do territorio continental prorexido, mentres a media estatal abeira o 30%. As dúas propostas de ampliación, presentadas sucesivamente en 2008 e 2012 por diferentes gobernos, non chegaron a aprobarse nunca, malia ás advertencias e sancións de Europa para ampliar a escasa representatividade dalgúns hábitats protexidos.
Neste momento Galicia ten declarados seis parques naturais: Fragas do Eume, Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, na provincia da Coruña; O Invernadeiro, Serra da Enciña da Lastra e Baixa Limia-Serra do Xurés na provincia de Ourense; e Monte Aloia, en Pontevedra. Ademais conta cun Parque Nacional, o das Illas Atlánticas.
A endidade ecoloxista criticia que o seu abandono, como tamén o das especies en perigo. Das 200 consideradas como ameazadas ou en perigo de extinción, apenas 4 contan cun plano de conservación ou recuperación en vigor logo de 12 anos, malia a térense licitado, redactado e pagado ducias de documentos técnicos que aínda agardan por unha aprobación que non da chegado.
PROPAGANDA
De feito, a Xunta prefire gastar diñeiro en publicidade, antes que nos propios parques naturais. Para este ano, a Consellería de Medio Ambiente acaba de poñer en marcha un concurso para o "Servizo de deseño e execución das campañas de divulgación e promoción do turismo de natureza sostible e educación ambiental na rede de parques naturais de Galicia". Esta propaganda estará cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) nun 80%, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020. En total, 210.617,93 con IVE.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.