MatHex, un videoxogo que quere achegar as matemáticas a todos os públicos

Docentes da USC son os impulsores desta iniciativa baseada no clásico xogo de mesa 'HEX'.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2019 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

Un equipo de docentes do Departamento de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC), coa colaboración de profesorado de educación secundaria, publicou na rede a versión de proba do xogo gratuíto 'MatHex', que ten como obxectivo achegar a ciencia a todo tipo de público, combinando estratexia e coñecementos.

A base do videoxogo é un taboleiro formado por hexágonos, inspirado no clásico xogo de mesa 'HEX' creado polos matemáticos John Nash e Piet Hein, que se presenta combinado con preguntas relacionadas con esa disciplina desde moitas ópticas, que pasan pola resolución de problemas ata cuestións sobre historia, cunha parte "moi destacada" dedicada ás mulleres matemáticas.

O obxectivo do xogo é completar un camiño de baldosas que conecten co lado oposto do taboleiro. Para 'conquistar' cada baldosa haberá que responder correctamente a pregunta no tempo permitido; ou en caso contrario non se avanzará. Gañará quen consiga que o seu avatar sexa o primeiro en completar o camiño entre os dous lados.

A versión beta, que en futuras edicións irá ampliando as preguntas e os idiomas, presenta cinco niveles de dificultade, incluíndo un especial para nenos de 7 a 10 anos. Por agora, están activos os modos 'Persoa contra persoa' e 'persoa contra máquina', con máquinas con tres niveles de destreza. Proximamente porase en marcha o modo 'en liña' para xogar co adversario a distancia.

MatHex, que conta con financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, ten a vantaxe de que "non ocupa espazo no dispositivo" xa que non necesita instalación, destacaron os seus creadores.

Nestes momentos o equipo creador busca ter a maior participación posible de usuarios para poder mellorar a versión actual -para o que hai dispoñible un apartado de suxestións- e ir avanzando no programa definitivo, que esperan ter no mes de marzo.

Ademais, como explica unha das súas creadoras, a profesora Elena Vázquez Abal, teñen a intención de que "o xogo se poida usar nas aulas, onde o profesorado poderá incluír o seu propio conxunto de preguntas e xogar co alumnado da clase". MatHex é froito do traballo dos docentes Elena Vázquez Abal, José Carlos Díaz Ramos, Víctor Sanmartín López e Esteban Calviño Louzao, membros do grupo de innovación docente GrID-A/XD da USC. Contaron tamén coa colaboración de 'Chocosoft' no desenvolvemento e programación do xogo e de 'Adumbro' no deseño gráfico e da interface.

Nota Prensa Usc E Foto. Mmathex, Xogo De Estratexia No Que O Coñecemento E. UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
Nota Prensa Usc E Foto. Mmathex, Xogo De Estratexia No Que O Coñecemento E. UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta