O Concello de Santiago destinará 3,6 millóns de euros para abastecemento e saneamento de zonas rurais

O proxecto, que se desenvolverá en catro anos, dotará de servizos a ámbitos cualificados como chan urbano na PXOM de 2008

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2019 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago de Compostela presentou un plan para dotar dos servizos de abastecemento de auga e saneamento ás zonas rurais dos arredores da cidade que foron cualificadas como chan urbano no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de 2008. O plan, que o goberno local prevé desenvolver en catro anos, requirirá un investimento de máis de 3,6 millóns de euros.

Na mañá deste venres, o concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, e o de Medio Rural, Rafael Pena, avanzaron cales serán as liñas de actuación dun proxecto que se financiará con fondos provinciais e propios, e pediron "consenso" por parte dos partidos políticos para poder resolver "unha demanda histórica" dos veciños do rural.

Duarte lembrou que a situación en certos ámbitos do rural que foron declarados como chan urbano na PXOM de 2008 era "especialmente grave", xa que "había solares inedificables" nos que os propietarios tiñan que "facer avais de máis de 60.000 euros e pagar máis de 10.000 en obras complementarias".

O concelleiro explicou que o goberno local manexaba dúas alternativas: ben unha revisión do plan de modo que se devolvesen estes ámbitos a chan rural, ou ben unha alternativa "máis ambiciosa" que consistía en "dotar de servizos a todos estes núcleos".

INVESTIMENTO DE MÁIS DE 3,6 MILLÓNS DE EUROS EN CATRO ANOS

Despois de realizar un estudo "núcleo a núcleo", Jorge Duarte avanzou as previsións dos custos das obras. Así, para o investimento en abastecemento de auga superaría os 1,5 millóns de euros, mentres que o saneamento requiriría un investimento superior aos 2,1 millóns de euros. En total, máis de 3,6 millóns de euros.

Rafael Pena foi o encargado de explicar como se financiarán estes traballos. Segundo o concelleiro de Medio Rural, "a maior parte dos fondos" sairán do ámbito provincial. Neste sentido, sinalou que en marzo "a deputación saca unha nova convocatoria" na que estimou que "ao Concello de Santiago correspóndenlle entre 700.000 e 750.000 euros".

Pena detallou que "a idea" é destinar 750.000 euros procedentes da Deputación todos os anos. Ademais, o goberno local prepara "un complementario de 250.000 euros anuais" co fin de "conseguir cubrir a totalidade destes núcleos en catro anos".

Deste xeito actuarase nunha trintena de núcleos, divididos por zonas. Os primeiros ámbitos de actuación, segundo avanzou Pena, serán aqueles "nos que non se ten que pedir permisos e póidanse executar de maneira inmediata". "Como vai ser un plan a varios anos, mentres imos traballar en todos os proxectos para ter as memorias e poder ir avanzando na consecución de permisos coas diferentes administracións", profundou.

Duarte sinalou que "hai núcleos complexos que van requirir que se fagan novas depuradoras", e apuntou que "a máis complexa é a de Marantes".

"DEMANDA HISTÓRICA"

Tanto Duarte como Pena coincidiron ao sinalar a "importancia" deste proxecto para o rural, e pediron "o consenso" de todos os axentes para poder dar resposta a unha "demanda histórica" por parte dos veciños do rural.

Así, Duarte incidiu en que "é unha actuación que debería contar con consenso e asumido por todas as forzas políticas", mentres que Pena pediu que os axentes "se comprometan e se corresponsabilicen", xa que cre que "non debería ter discusión por parte de ninguén".

O concelleiro de Medio Rural expresou a súa "satisfacción" e remarcou a "aposta por consolidar a vida no rural", para o que, "esta actuación era imprescindible". Nesta liña, vaticinou que "se vai a favorecer que moitos veciños se poidan expor facer a súa vida no rural". "A xente quere vivir no rural de Santiago, non marchan por capricho", engadiu.

O concelleiro de Medio Rural, Rafael Pena, e o de Espazos Cidadáns, Jorge Duar
O concelleiro de Medio Rural, Rafael Pena, e o de Espazos Cidadáns, Jorge Duar | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta