A "patada visual" á arte dun pintor galego-catalán chega a Santiago

Luis Berroy inaugurou unha mostra de cadros abstractos na Casa das Crechas. Os contrastes cromáticos están ben presentes na obra deste barcelonés que se admite inspirado pola Illa de Arousa, lugar onde reside dende o 2012.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/02/2019 | Actualizada ás 10:45

Comparte esta noticia

Cores e contrastes cromáticos que buscan un equilibrio artístico. Iso é o que define a obra do pintor Luis Berroy, un barcelonés que agora reside na Illa de Arousa e que vén de inaugurar este sábado a exposición ‘Pequena’ na Casa das Crechas (Santiago de Compostela).

Cartel de presentación da mostra de pintura de Luis Berroy
Cartel de presentación da mostra de pintura de Luis Berroy | Fonte: A Casa das Crechas

O nome escollido fai referencia á “pequena mostra” de cadros elixidos para a ocasión, entre os cales haberá dez lenzos colocados na parte superior do local, e outros cinco máis cativos na parte de abaixo. Así, o conxunto recolle parte da obra creada nos últimos tres anos por este catalán. 

Trátase de pinturas abstractas e ata “figurativas” en certos casos, aínda que dun xeito "moi sutil”. Todas elas recollen a marca persoal do seu autor: esa aposta pola cor que se traduce nunha “patada visual” a ollos do espectador. Ese xogo coas tonalidades permítelle ao artista "expresar emocións e estados de ánimo máis facilmente, ademais de chegar moito máis rápido ao público".

Agradecido por repetir na Casa das Crechas –xa expuxera no ano 2014–, Berroy admítese contento e sorprendido de que un dos cadros xa atopara comprador durante os preparativos da exposición, antes de que esta se abrira ao público. "Vai viaxar cara a Valencia!", detalla, con certa satisfacción.

O PESO DE GALICIA

E na procura deses referentes cromáticos que lle dan vida á súa obra tamén ten algo que ver a nosa terra, fonte de inspiración para o pintor. Orixinario de Barcelona, Berroy viviu un tempo en Santiago de Compostela e, dende 2012, está asentado na Illa de Arousa. “Se algo me chama a atención desta zona é o contraste cromático dos cons”, esas rochas das praias “onde medran liques e hai tons amarelos que contrastan co gris das pedras”.

Luis Berroy, autor da mostra de pintura 'Pequena'
Luis Berroy, autor da mostra de pintura 'Pequena' | Fonte: Casa das Crechas

“Cada vez gústame máis vivir aquí”, confesa, encantado coa tranquilidade que lle ofrece unha contorna afastada das grandes cidades. A súa fala, con palabras na lingua de noso, pode dar fe do seu gusto por Galicia.

Porén, e aínda que recoñece ter as "ideas claras", non é partidario de integrar explicitamente matices políticos na súa pintura. Os interesados en botarlle un ollo a parte da súa obra, reflectida agora en 'Pequena', poderán visitala na Casa das Crechas durante todo o mes de febreiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta