Para sermos máis nós

A Irmandade Xurídica Galega ten pechado xa o seu calendario de actividades para este ano. Son moitas e de contidos variados, para seguir avanzando na extensión da lingua galega nos usos xurídicos. Desde que a fins da década dos anos oitenta os xulgados do Social núm. 2 de Pontevedra, de 1ª Instancia e Instrución núm.5, de Vigo e o da Estrada, precursores da normalización, presentaran as súas intencións galeguizadoras, o número de órganos xurisdicionais que se incorporaron a este proceso non parou de medrar. Certo que non na progresión desexada. Pero parello a este medre constátase un incremento significativo de operadores xurídicos que realizan as súas actividades profesionais en lingua galega.

Por Xosé Glez. | Redondela | 15/02/2019

Comparte esta noticia
Nas próximas semanas celebraranse nos xulgados de Arzúa, Noia e Marín os respectivos actos conmemorativos das primeiras sentenzas ditadas en lingua galega polas maxistradas Mª Isabel Suárez García, Lorena Tallón García, Sandra Piñeiro Vilas e Xermán Varela Castejón. O formato será o mesmo que os que xa  se celebraron  noutras localidades: descubrirase unha placa que dará fe deses feitos históricos e intervirán en cadansúa quenda avogados e funcionarios xudiciais, e a seguir procederase á sinatura dunha declaración dos alcaldes dos concellos dos partidos xudiciais respectivos, comprometéndose a galeguizaren as asesorías xurídicas.
 
Son varias as causas que minorizan a lingua galega nos usos xurídicos. Establecendo unha orde responsabilidades, podemos afirmar que en primeiro lugar están as institucións públicas, que debendo estimular a súa normalización, non o fan. Este é o caso das asesorías xurídicas do noventa por cento dos concellos galegos confiadas a avogados alleos a súa administración que realizan esa encomenda en castelán. Pero máis incomprensible é aínda que a Asesoría Xurídica  Xeral da Xunta de Galicia, que entende en milleiros de expedientes, non ordene aos seus letrados a cumpriren o mandato da Lei de Normalización Lingüística.
 
En segundo lugar, cómpre sinalar que as facultades de dereito das tres universidades galegas non teñen desenvolvido ningún proxecto pedagóxico para estimular a sensibilidade do alumnado polo uso da lingua galega. Dous datos ilustran o dito: na Facultade de Dereito da USC o 82% das aulas impártense en castelán. Cífra extrapolable ás facultades dos demais campus universitarios.
 
En terceiro lugar, temos que sinalar outra razón: as organizacións sociais, nas que incluímos a partidos políticos e sindicatos, non teñen feito ningún labor pedagóxico para mudaren os hábitos lingüísticos dos seus afiliados. As estatísticas demostran, por exemplo, que o número de protocolos notariais en lingua galega é insignificante se temos en conta a elevada porcentaxe de galegofalantes. A mesma porcentaxe obsérvase nas demandas que se tramitan nas oficinais xudiciais. “Algo estamos a facer mal cando o noso idioma non acada novos niveis de uso”, laiábase don Miguel A. Fernández Lorez, alcalde do Concello de Pontevedra, no acto de inauguración do monumento dedicado a Isaac Diaz Pardo. Concordo con el nesa evidencia. Se cadra teriamos que repensar a estratexia a seguir e abandonar a utilizada deica agora que lle conferíu á literatura un papel sobranceiro que non pode cumprir. A celebración do Día das Letras Galegas non ten sido exitosa en resultados. Abandonáronse espazos de uso decisivos na vida social que foron gañados polo castelán. Velai máis datos: 0 98,77% das aulas impartidas no Grao de Medicina impártense en castelán. Semellantes porcetanxes dánse noutros ámbitos académicos universitarios.  
 
A regaleguización do País é cousa de todos: das institucións, das organizacións sociais e da cidadanía, que non debe renunciar ao seu legado cultural.

Asemblea da Irmandade Xurídica Galega
Asemblea da Irmandade Xurídica Galega
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé González Martínez Presidente do Foro E. Peinador e da Fundación Lois Peña Novo, secretario da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega e Asociación de Amigos do Couto Mixto.