Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2019 | Actualizada ás 20:14
O arrastreiro galego 'Pesca Vaqueiro' contra o que chocou na madrugada do venres nas proximidades de Comodoro Rivadavia (Arxentina) un buque chinés chegou este martes ao porto de Montevideo (Uruguai) coa tripulación asiática rescatada.
O presidente da cooperativa de armadores de Vigo (ARVI), Javier Touza, explica que agora o procedemento habitual é dirixirse á Prefectura para facer a coñecida como protesta de mar para facer constar oficialmente o que pasou no accidente.
Así mesmo, espérase que estean as autoridades consulares para recoller aos tripulantes asiáticos. O pesqueiro 'Zhongyuanyu 11' afundiuse tras chocar co 'Pesca Vaqueiro' fronte ás costas arxentinas e varios barcos que se atopaban na zona axudaron para rescatar a uns 30 tripulantes chineses.
O accidente produciuse nunha zona na que hai gran concentración de embarcacións, moitos deles asiáticos, con "nerviosismo" pola escasa aparición de pota, un cefalópodo parecido á lura.
Tanto os mariñeiros do 'Pesca Vaqueiro' como do 'Zhongyuanyu 11' atópanse en "perfecto estado", segundo a información do armador do pesqueiro galego trasladada ao presidente de ARVI. Ademais, aproveitarase para revisar os danos no casco producido polo choque.
Tras interromper a súa campaña para levar a todos os rescatados a Montevideo, o 'Pesca Vaqueiro' espera regresar a faenar "canto antes".
Aínda que ao principio "houbo tensión" polo accidente, como os mariñeiros rescatados "foron moi ben recibidos e aloxados no barco houbo unha boa relación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.